'O Corno' arrasa nos Mestre Mateo con sete galardóns

O filme de Jaione Camborda foi a produción máis premiada, seguida de 'Matria', do vigués Álvaro Gago, con cinco, e 'Rapa', dos irmáns Coira, con tres ▶ María Vázquez e Tamar Novas foron recoñecidos polos seus papeis protagonistas e Susana Sampedro e Santi Prego como actores de reparto
Equipo da película 'O corno', no que se inclúe a lucense premiada Melania Freire como mellor dirección de arte, antes da gala. MONCHO FUENTES (EFE)
photo_camera Equipo da película 'O corno', no que se inclúe a lucense premiada Melania Freire como mellor dirección de arte, antes da gala. MONCHO FUENTES (EFE)

A película O corno, de Jaione Camborda (distinguida polo mellor guión e dirección), foi este sábado a gran triunfadora –con sete galardóns– da vixésimo segunda edición dos premios Mestre Mateo, organizados pola Academia Galega do Audiovisual e que foron entregados no transcurso dunha gala celebrada no Coliseum da Coruña e emitida en directo pola Televisión de Galicia.

En segundo lugar, quedou Matria, de Álvaro Gago Díaz, que se levou cinco condecoracións nesta edición, entre eles a de mellor actriz protagonista, que recaeu en María Vázquez.

A serie Rapa, dos irmáns Jorge e Pepe Coira, acadou tres galardóns. E a película ¡Salta!, de Olga Osorio, levou un único galardón, ao mellor actor principal, Tamar Novás.

O corno foi a absoluta triunfadora da noite con sete galardóns: mellor dirección de arte (Melania Freire), mellor maquillaxe e perruquería (Bárbara Brouke, Lorena Clavo e Silvia Neira), mellor son (Sergio Silva e David Machado); mellor vestiario (Uxía Vaello) e mellor longametraxe. Ademais, a directora, Jaione Cambora, alzouse cos premios á mellor dirección e ao mellor guión.

Premios Mestre Mateo 2024

Pola súa banda, o equipo de Matria recolleu os trofeos á mellor dirección de fotografía (Lucía C. Pan) e á mellor dirección de producción (Nati Juncal) e fixo pleno nas categorías de interpretación nas que era finalista, con recoñecementos para María Vázquez como mellor interpretación feminina protagonista; Susana Sampedro, como mellor actriz de reparto, e Santi Prego como mellor actor secundario.

Rapa, votada polos académicos como mellor serie de televisión, tamén gañou os premios á mellor montaxe (Gaspar Broullón, Julia Juanatey, Lucía Iglesias) e mellor música orixinal (Xavi Font).

Dentro da ficción seriada, A arte de ser (mal) pai da produtora Miraveo, obtivo o Mestre Mateo á mellor serie web.

Tamar Novas e Lucía Veiga subiron ao escenario da gala, por segundo ano consecutivo: o actor compostelán volveu recoller o premio á mellor interpretación masculina protagonista, polo seu papel en ¡Salta! e a intérprete e humorista coruñesa foi recoñecida, nesta ocasión, como mellor comunicadora, polo seu traballo en Malicia noticias.

Cómpre salientar a gran presenza de profesionais femininas no palmarés, con gañadoras en todas as categorías exceptuando a de mellor son, mellor serie e mellor música orixinal.

O presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso protagonizou un dos momentos máis emotivos da noite, ao entregarlle o Premio de Honra Fernando Rey a Eva Veiga.

Comentarios