Correlingua ocupará o 4 de maio a Alameda con regueifas, música e talleres

O evento comeza en Pontevedra o seu percorrido por Galicia

Alberto Oubiña, Xacobe Rodríguez e Marta Ferreiro, na presentación de Correlingua en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Alberto Oubiña, Xacobe Rodríguez e Marta Ferreiro, na presentación de Correlingua en Pontevedra. DAVID FREIRE

Pontevedra é a primeira parada deste ano de Correlingua. A iniciativa en favor do uso do idioma galego dirixida a escolares percorre o territorio cada primavera. Está organizada pola asociación do mesmo nome (integrada pola plataforma A Mesa, o sindicato CIG Ensino e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega) en colaboración con concellos e deputacións. A actividade en Pontevedra terá lugar na Alameda o mércores 4 de maio (dende as 12.00 horas), segundo se anunciou onte na presentación do evento.

O concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, o secretario comarcal CIG-Ensino, Xacobe Rodríguez, e Marta Ferreiro, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega, foron os encargados de falar da proposta deste ano, que volverá prescindir da realización da tradicional carreira e apostará pola música en directo, polas regueifas e pola realización de distintos obradoiros. 

A actriz Isabel Risco será a encargada de ler o pregón e de presentar o acto, que na súa 22ª edición se desenvolverá baixo o lema Fálame e que contará coa actuación do grupo gañador do certame Cantalingua, Mekánika Rolling Band.

Trece centros escolares da comarca participarán no Correlingua de Pontevedra. Son San Martiño, Froébel, Marcos da Portela, Manuel Vidal Portela, A Xunqueira 2, Campañó, Barcelos, Santo André de Xeve, CPI de Meis, IES Frei Martín Sarmiento, Isidora Riestra de Poio, IES de Ponte Caldelas e IES A Xunqueira I.

Comentarios