A Coruña, centro da industria do videoxogo

O Foro Internacional do Videoxogo arranca hoxe na Coruña dentro da sexta edición de Mundos Dixitais. Unha representación dos profesionais e expertos máis destacados da industria do videoxogo participará ata o xoves no foro organizado polo Clúster Audiovisual Galego.

O evento acollerá a presentación dun proxecto experimental de xogo-comunidade para teléfonos móbiles e internet desenvolvido pola empresa galega Ulber Cool Games, e novidosos videoxogos de carácter humanitario, como 'Food force', para concienciar ós máis novos sobre a fame no mundo.

Os participantes no foro analizarán o desenvolvemento da industria dos videoxogos nos mercados de referencia (asiático e americano), e explorarán a potencialidade futura deste sector. O foro dedicará unha mirada máis introspectiva ó que fan algunhas compañías galegas que realizan as súas primeiras incursións neste negocio.

  • Martes: A xornada de hoxe centrarase na análise dos fundamentos nos que se cimenta o desenvolvemento da industria mundial do videoxogo e dos contidos dixitais. O experto Kiyoshi Shin, delegado en Xapón da Asociación Internacional de Desenvolvedores de Videoxogos, exporá '7 razóns que explican o desenvolvemento do mercado xaponés de Serious Games'.
  • Mércores: O Foro trasladarase á Fundación Caixa Galicia e seguirá a súa andaina dentro da programación de Mundos Dixitais. O mércores celebrarase un debate sobre a converxencia entre o videoxogo e o cine, no que intervirán directivos das empresas máis representativas de España.
  • Xoves: Abordarase as tendencias nos "serious games" e as súas aplicacións máis novidosas, propostas alternativas que amosan a utilidade dos xogos máis alá do entretemento. A formación corporativa, terapia, estimulación á aprendizaxe e sensibilización son algúns dos ámbitos explotados polo sector dos videoxogos.

Comentarios