viernes. 14.05.2021 |
El tiempo
viernes. 14.05.2021
El tiempo

"Que cousas hai na cabeza dunha persoa cando chega a vella?"

O escritor e mestre Xesús Constela. JORGE FERNÁNDEZ SEOANE
O escritor e mestre Xesús Constela. JORGE FERNÁNDEZ SEOANE
"A limpeza de cerebro debería ser obrigatoria para todo o mundo»", escribe Xesús Constela na súa última novela, 'O peso do cerebro'

Apuntamentos a pé de páxina presentados como un xogo co lector. Chiscadelas á cidade de Ferrol. E Don Honorio, un protagonista de arredor de 80 anos. Todo forma parte de O peso do cerebro (Xerais, 2021), a nova novela de Xesús Constela (Ferrol, 1963). Mestre de inglés no IES A Xunqueira II e escritor que ten recibido os premios Torrente Ballester e García Barros, o autor, afincado en Poio, aproveitou a saída á rúa do seu título (o número oito dunha traxectoria iniciada en 2004) para volver ás redes sociais, que abandonara no verán "por cuestións relacionadas coa saturación informativa", segundo indicou en Facebook.

Que é O peso do cerebro?

Unha novela que acabei este ano, pero na que levaba moito tempo traballando. Porque este tema, o da mente das persoas maiores, sempre me resultou moi atractivo. Que cousas hai na cabeza dunha persoa cando chega a vella? Parto dun personaxe que vive nunha cidade imaxinaria para falar de todo isto.

Don Honorio.

Iso é. Que vive en Cidade Barco. Quen queira atopar similitudes entre este lugar e a cidade de Ferrol, que é a miña, atoparaos, e quen non os atope pode ler o libro igual porque non é algo determinante na historia. Pero aí está a homenaxe a Ferrol, si, como pon na contraportada, "unha cidade que languidece tras perder o lustre do seu glorioso pasado de grandes estaleiros e navegantes". A Cidade Barco é iso, un lugar grandioso vido a menos. Nesa cidade vive Don Honorio, un home maior, de arredor de 80 anos, que un día que está na súa casa, ao coidado da súa neta, escapa. El é unha persoa que hai tempo que deixou de falar e que pasa o día sentado sen moverse. Aínda que non se menciona ningunha enfermidade concreta, o lector vai percibir enseguida que este home ten a cabeza desorganizada. E iso é así porque o narrador está dentro da súa cabeza. Vemos esa serie de asociacións de ideas que o van facer, despois de moitísimo tempo sen moverse, ter a forza suficiente para erguerse e saír da casa. E nós imos ir con el pola Cidade Barco adiante.

O confinamento serviume para escribir. Como autor foi fantástico. Agora, como mestre foi un dolor, un tempo moi duro

"A limpeza de cerebro debería ser obrigatoria para todo o mundo", pon en boca de Don Honorio ao comezo da historia.

Ordenar o cerebro debería ser algo indispensable para todo o mundo, si. Case unha obriga constitucional. Evitariamos malentendidos, problemas... A min unha das cousas que máis me chama a atención da vellez é esa desorganización mental que aparece coa demencia senil. Compárase moito ese trance final cunha candea que se vai apagando, pero eu penso máis ben que é como un ordenador que vai perdendo a súa estrutura interna e a súa funcionalidade.

Os pés de páxina da novela son bastante particulares.

Si, xa se di tamén na contraportada. "Entrementres, agachadas no falso anonimato do pé de páxina, dúas mulleres rexouban sen censura nin escrúpulos acerca de todo canto vai pasando". O libro está cheo de notas a pé de páxina. Non explican nada, pero son moi importantes. É unha especie de xogo que lle propoño ao lector, unha sorpresa que vai atopar cando colla o libro.

A saída do libro á rúa serviulle para volver ás redes sociais, que abandonara hai uns meses. E iso?

Marchei un pouco saturado de información. Foi por iso. Necesitaba un descanso. As redes sociais poden chegar a ser agobiantes. É verdade que, durante o confinamento, resultaron vitais. Para min tamén. Pero chegou un momento no que fun consciente de que necesitaba descansar. Quizais tamén tivo que ver co meu traballo de mestre nun instituto e coa cantidade de cousas que tivemos que facer online. Aparteime voluntariamente e agora volvín voluntariamente tamén. O que fixen foi tomar un respiro. Non quero que se entenda que non me gustan as redes sociais porque non é así para nada. Agora era o momento perfecto para volver porque cando por fin chega o libro impreso ás túas mans supón un pracer inmenso que me apetecía compartir.

Como levou o escritor que é vostede o confinamento e a pandemia?

A min o confinamento serviume para escribir. Porque o primeiro que necesitas para poñerte a escribir é tempo. E aí tiven tempo. Aproveitei para rematar unha novela breve na que precisamente aparecen retratadas un montón de cousas que vivín durante o confinamento. Foi un momento que me levou a toda a ciencia ficción, a todas as distopías, que teño lido. Como autor foi fantástico nese sentido, unha época moi fecunda.

E como mestre?

Como mestre foi un dolor. Non por ter que dar clases online, que se dan, senón polo grao de improvisación que tivemos que chegar a soportar. Non te fas idea. Sobre todo dende o Goberno autonómico. Que había informatizado? Nada. Unhas aulas virtuais que funcionaban daquela maneira e punto. Como sempre, todo o peso recaeu sobre nós, sobre os mestres. Foi un tempo duro, moi duro. Tivemos que aturar ordes e contraordes. Aprobamos a todo o mundo, pero non, pero si... Quedou todo, perdón pola expresión, en pelotas. A palabra máis light que se me ocorre para definir o que supuxo todo aquilo para os mestres é superestresante. Co do ano pasado, o sistema educativo quedou tocado e enfermo. Este ano a rapazada funcionou de marabilla e hai que dicilo. Eu nunca vin ao alumnado tan implicado nin con mellor comportamento. Dígoo moi orgulloso de todos eles. Foron exemplares. De feito, o impacto da covid nos institutos foi moito menor do que se agardaba. Outra cousa é o que vai supoñer para todas estas xeracións o que se perdeu. 

"Que cousas hai na cabeza dunha persoa cando chega a vella?"
Comentarios
ç