Creatividade na conmemoración do Día das Letras

As actividades sucédense con esta efeméride durante todo o fin de semana

Galicia saca o seu lado máis creativo co gallo do Día das Letras Galegas para así conmemorar, das máis diversas e variadas maneiras, unha das datas máis importantes do calendario autonómico: cada 17 de maio. A Rede Museística Provincial de Lugo, por exemplo, aglutina neste fin de semana tres celebracións, o Día das Letras Galegas, o Día Internacional dos Museos e a Noite dos Museos, cunha programación na que fusionan "lingua, museos, arte e natureza" para "pór en valor" o galego como elemento identitario e "aplicar o concepto de sustentabilidade" ao idioma propio, ao que ven como "vehículo do progreso e a modernidade", relata a xerente da Rede, Encarna Lago.

A través de programas, como Foto Palabra, os organizadores dese cartel agardan "encher" as redes sociais de palabras e de expresións "que forman parte do patrimonio esquecido" e iso a través dun xogo nominativo para o que deberán subir unha imaxe relacionada coa temática seleccionada. Haikus pola lingua é outra das iniciativas emprendidas, na que piden a colaboración da cidadanía para facer unha fotocomposición coa "natureza", traballo que derivará nunha "exposición virtual" e para a que, desde os museos participantes -Museo Fortaleza de San Paio de Narla, Museo Provincial de Lugo, o Provincial do Mar e o Museo Pazo de Tor- piden a participación de escritores e artistas galegos que contribúan ao proxecto.

En suma, trátase dunha ampla carteira de propostas gratuítas, destaca Lago, relacionadas "coa sustentabilidade da lingua", á que se suman concertos, visitas guiadas e espectáculos teatrais. As redes sociais tamén son as protagonistas nunha curiosa iniciativa das adegas Condes de Albarei, que propuxeron "combinar a fotografía coa literatura galega" e o Albariño.

Nesta primeira edición do orixinal certame, as adegas propoñen un concurso, vía Facebook, no que os participantes deben fotografarse co seu libro preferido e cunha copa dos seus Condes de Albarei predilecto. Despois, o número de gústame que se logre designará ao gañador. A nota máis reivindicativa desta edición das Letras Galegas, dedicada ao escritor pontevedrés Xosé Filgueira Valverde, chega da man da liga Estudantil Galega de Vigo, quen promoven o Día das Galegas nas Letras para "dar máis visibilidade a todas as escritoras galegas" e "reivindicar" máis presenza destas na efeméride, xa que "hai moitísimas", máis aló de Rosalía, e "por desgraza, non se lles quere dar a visibilidade que merecen", sinala María Fernández, unha das organizadoras.

Fernández comenta que, co apoio da escritora e feminista María Reimóndez, esperan un cheo no centro social A Revolta do Berbés, en pleno corazón de Vigo, para homenaxear a outra escritora galega, María Victoria Moreno, a través dunha sesión de micro aberto na que calquera persoa que se anime pode ler este fin de semana un texto ou un manifesto dos que haxa no local, ou mesmo algún que sexa da propia autoría dos participantes. Iso si, sempre textos "en galego" e "cunha mínima temática feminista", conclúe a organizadora.

Os poetas Luis Campello, François Davó, Estíbaliz Espinosa, Olga Patiño, Miguel Anxo Fernán Lanuxe, Alfredo Ferreiro, Xavier Seoane, Luís Pousa, Ramiro Torres, Xulio Valcárcel e Diana Varela, por outra banda, serán este domingo os artífices dunha lectura aberta e dunha firma de exemplares colectiva, na libraría Berbiriana (A Coruña). Coñecerse e pasar un bo intre é o anhelo de tres negocios locais do núcleo lucense da Piringalla; Cafés Primordiale, academias Let's English e Multitienda Arisan, que se uniron para organizar un Bookcrossing ou "intercambio" gratuíto de libros, co que dinamizar e "xerar política de barrio" para facer que xurdan máis propostas e mesmo un club de lectura, conta a Efe Áurea Rielo, unha das promotoras.

Até o momento, a iniciativa parece encandear a "nenos e xente de mediana idade", aínda que entre os máis maiores, ao parecer, "non acaban de captar a idea de intercambio", desvela. No entanto, máis aló da vía do intercambio, a través desta proposta, os organizadores tamén queren brindar o seu apoio á asociación meirense que propón a Avelino Díaz como próximo homenaxeado pola Real Academia Galega no Día das Letras.

O presidente da Asociación de Libreiros de Ourense, José Manuel García Mosquera, é outro dos impulsores dos distintos modos de vivir o 17-M e afirma que, "do mesmo xeito que ocorre desde hai máis de 20 anos", este domingo volverán á rúa para "dinamizar o libro en galego" con diferentes promocións. A pesar de que sinala que esta "non é unha data de grandes vendas", está convencido de que a situación podería mellorar enormemente se o 17-M "deixase de ser festivo".

Por último, entre as moitas propostas que hai para conmemorar o Día das Letras Galegas, tamén teñen o seu oco as romarías, como a que organiza o Concello de Bueu (Pontevedra) no atrio da Capela de Sanamedio. Ao ritmo das gaitas da agrupación Retrouso de Cela e do cuarteto Os Liboreiros, así como con xogos e animación infantil, honrarase así mesmo neste lugar, e entre a xolda, ao ilustre Xosé Filgueira Valverde.

Comentarios