Crebas, follas secas e William Turner

Antón Sobral e Carmen Hermo reflexionan sobre a paisaxe e a natureza na oitava edición do ciclo expositivo 'Na beira do río. Diálogos dende a pintura' ▶O Pazo da Cultura acolle a mostra, que inclúe cadros, instalacións e audiovisuais, ata o 18 de novembro

Os artistas co alcalde na instalación de follas secas. RAFA FARIÑA
photo_camera Os artistas co alcalde na instalación de follas secas. RAFA FARIÑA

"O mar ten soños/ de luz e sal/ de noites limpas/ e de cristal". Un poema do Premio Nacional de Literatura Infantil y Juvenil de 2017, Antonio García Teijeiro, preside a exposición que os creadores Antón Sobral e Carmen Hermo inauguraron este luns no Pazo da Cultura de Pontevedra e que se poderá visitar ata o 18 de novembro. Na mostra, a oitava do ciclo Na beira do río. Diálogos dende a pintura, que ten como comisario a Ramón Rozas, os dous artistas propoñen, dende diferentes puntos de vista e usando diferentes técnicas (dende a pintura máis convencional aos audiovisuais pasando polas instalacións), unha reflexión sobre a paisaxe e a natureza, de xeito especial, sobre o mar.

"Este é un proxecto que leva desenvolvéndose dende hai oito anos co obxectivo de defender un espazo para a pintura", explicou Rozas durante o acto inaugural, que ateigou de público a sala de exposicións do Pazo. "Pero esta é, sen dúbida, unha edición especial. Porque se eu estou nisto é porque Antón Sobral me pedíu unha vez que lle botase unha man organizando unhas exposicións que el comisariaba neste mesmo espazo. E porque a través do mesmo Sobral coñecín a Carmen Hermo, á que lle escribín un dos meus primeiros textos para un artista".

Un momento da inauguración do ciclo expositivo Na beira do río. Diálogos dende a pintura. RAFA FARIÑA (2)

CATASÓS. Acompañados polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e pola concelleira de Cultura, Carme Fouces, os dous artistas falaron do significado das obras que se podían ver na exposición e do xeito no que había que contemplalas. "Esta exposición hai que vela sen xente. É moi importante o silencio. A obra hai que admirala, sentila e emocionarse con ela", explicou Sobral, que presenta na exposición unha instalación de follas secas, adicada á loita na defensa do medio natural e ao caso concreto da Fraga de Catasós (Lalín). "Os espazos que ocupei coa miña obra son amplos porque precisaba sitio para vós. A bagaxe do espectador contribúe, é importante", contou Hermo pola súa parte.

Da mesma maneira, o creador, que contrapón a contemplación da arte ao ritmo de vida acelerado da actualidade, detívose explicando como entre as súas pezas había unha serie que convidaba ao espectador a parar e a ficar ollándoa durante uns minutos para percibir correctamente os seus matices e atopar a calma ou outra serie inspirada polo traballo de William Turner. Pola súa banda, a súa compañeira na mostra contou como as crebas das praias están detrás de boa parte da súa obra dunha ou doutra maneira.

Un momento da inauguración do ciclo expositivo Na beira do río. Diálogos dende a pintura. RAFA FARIÑA

O comisario da exposición quixo destacar ante o público dúas particularidades da edición deste ano de Na beira do río. Por unha banda, "o fondo compromiso dos dous artistas, que levan máis dun ano traballando nesta mostra, na que presentan máis dun 90% de obra inédita" e, por outra, como tanto Sobral como Hermo investigan sobre as posibilidades da pintura fóra do soporte tradicional. "Fano cada un á súa maneira", indicou Ramón Rozas. "Antón Sobral achégase á natureza na procura directa da beleza, mentres Carmen Hermo o fai dun xeito diferente, máis próximo á visión da súa xeración".

Un momento da inauguración do ciclo expositivo Na beira do río. Diálogos dende a pintura. RAFA FARIÑA (3)


Alba Sotelo propón 'Voltar a Ítaca' na mostra que inaugura o 11 de outubro

O mar, pero baixo unha perspectiva moi diferente á de Sobral e Hermo, tamén será o protagonista da exposición de fotografía Voltar a Ítaca, que Alba Sotelo inaugurará o 11 de outubro no Pazo da Cultura.

Como xa pasou nos últimos anos, o diálogo pictórico de Na beira do río verase completado coa mostra dun fotógrafo nunha sala anexa. Desta vez, a elixida é a buenense Alba Sotelo que se achega ao océano, non coa intención de retratar a natureza, como fan Antón Sobral e Carmen Hermo, senón coa de retratar o universo mariñeiro a través dos rostros, o traballo e os utensilios que empregan os homes. Voltar a Ítaca, unha serie especificamente creada para o Pazo da Cultura de Pontevedra, permanecerá aberta tamén ata o 18 de novembro.

Comentarios