Guillermo Carbajo: "Creo que non sabería facer outra cousa que non fose isto"

O actor pontevedrés é un dos protagonistas de Hamelin, que Redrum Teatro trae este xoves a Pontevedra ▶ A compañía segue de xira con El chico de la última fila, que representou dentro da programación paralela dos últimos Premios Princesa de Asturias
O actor pontevedrés Guillermo Carbajo. VANESSA RÁBADE
photo_camera O actor pontevedrés Guillermo Carbajo. VANESSA RÁBADE

Guillermo Carbajo (Pontevedra, 1986) interpreta ao Acotador en Hamelin. "É un personaxe que introduce Juan Mayorga para contar todo o que vai pasando. Porque esta é unha obra sen escenografía e sen vestiario no que o público ten que imaxinar unha posta en escena que, en realidade, non existe. O Acotador vai marcando os tempos e os espazos". O actor, nacido en Pontevedra e afincado en Santiago ("marchei aos seis anos, pero en realidade teño a toda a miña familia aí, así que sigo moi apegado á cidade e vou moi frecuentemente"), volve á súa vila natal este xoves coa última montaxe de Redrum Teatro, incluída no ciclo Ponteatro (21.00 horas, Teatro Principal, ataquilla.com). 

"A de Pontevedra sempre é a función que máis ilusión me fai da xira", confesa. "E sempre quero que sexa pronto, preto da estrea. Teño fixación con levar a montaxe canto antes ao Teatro Principal, que é un espazo moi especial ao que lle teño moito agarimo".

Do que fala 'Hamelin' é de como non sabemos, como sociedade, protexer aos nenos e nenas. Non é tanto unha obra dura como unha obra que dá que pensar

É a segunda vez que Redrum trae ao galego un texto do dramaturgo Juan Mayorga, un autor que permanecía inédito no noso idioma ata que o lalinense Álex Sampayo decidiu adaptalo. Primeiro escolleu O mozo da última fila, coa que Redrum aínda segue xirando, agora en castelán. E agora, Hamelin, unha obra que trata o tema dos abusos na infancia. "Pero non só", aclara Guillermo Carbajo. "Do que fala en realidade é doutras moitas cousas. Eu diría que do que fala é de como non sabemos, como sociedade, protexer aos nenos e nenas. Non é tanto unha obra dura, porque non hai violencia explícita, como unha obra que dá que pensar".

Redrum comezou a traballar coa peza en setembro. "E estreamos a finais de febreiro en Santiago. Así que se pode dicir que traballamos moito co texto. Con Mayorga xa sabes que o que vas enfrontar non é sinxelo. Estamos falando dun dos maiores dramaturgos españois da actualidade e dun dos que máis se representa en todo o mundo. Os seus personaxes sempre son súper ricos e para un actor é unha pasada traballar cun texto seu".

Con Mayorga xa sabes que o que vas enfrontar non é sinxelo. Para un actor é unha pasada traballar cun texto seu

O propio Juan Mayorga asistiu a unha das primeiras postas en escena deste Hamelin, como xa asistira tamén á adaptación de Redrum de O mozo da última fila, e felicitou á compañía galega. "Quedou encantado. De feito, xa lle gustara moito o que fixeramos con O mozo da última fila, pero isto aínda lle gustou máis, polo que nos dixo. Estamos felices". Especialmente Álex Sampayo. "Ten moito mérito o que fai. Estas montaxes son sempre difíciles de asumir".

Tamén foi especialmente significativa para Carbajo a felicitación de Mayorga no caso de O mozo da última fila, onde el interpretaba o personaxe que lle dá título á obra. "Estudar ese texto é complicado e, a maiores, a obra esixe que se execute moi rápido. Con todo, eu quedei contento co resultado", di o actor de Pontevedra. A versión en castelán desta obra segue viva. "De feito representámola en Oviedo dentro da programación que organiza a Fundación Princesa de Asturias de xeito paralelo aos seus premios, onde este ano Mayorga recibiu o das Letras". E proximamente estarán con ela no Teatro Jovellanos de Xixón.

Antes de interpretar textos de Mayorga, Guillermo Carbajo xa era un rostro familiar para os galegos grazas ás series da Televisión de Galicia nas que participou, como Pratos combinados. "Empecei con 12 anos e rematei con 18. Era un traballo moi diferente ao que fago hoxe. Daquela nin sequera sabía que me quería dedicar a isto", explica. "Hoxe xa si. Creo que tampouco sabería facer outra cousa".

Ademais de Pratos combinados, Carbajo pasou por outras series como Valderrei ou Matalobos e formou parte do reparto de películas como Sinbad, de Antón Dobao, ou La piel que habito, de Pedro Almodóvar. Con todo, polo teatro recoñece que ten debilidade. "En realidade depende do proxecto. Hai cousas do audiovisual que me interesan un montón e outras que toca facer aínda que interesen menos". 

Comentarios