Cristina Corral. Escritora e docente

"Escribir un poema é como facer unha colcha de patchwork"

Pontevedresa de adopción e profesora en Cambados, Cris Corral (Lugo, 1976) compaxina a docencia coa literatura. Vén de publicar un novo álbum infantil en poesía, 'No faiado' (Embora), xénero que cultiva dentro e fóra das aulas. "De nada vale saber que dicía Góngora se non che fai sentir nada", subliña
Cristina Corral Soilán, na Ferrería. BEATRIZ CÍSCAR
photo_camera Cristina Corral Soilán, na Ferrería. BEATRIZ CÍSCAR

No faiado atópanse as letras e os xoguetes acaramelados... Así comeza o poemario que xoga co abecedario e que a autora Cristina Corral asina xunto ao ilustrador Leandro Lamas. "Este libro estaba planeado para 2014, pero entre crises e pandemias retrasouse a publicación", conta a autora que na vindeira Festa dos Libros estará asinando os seus libros. "Contos como No faiado (Embora) son propostas que utilizan a lectura e ao mesmo tempo permiten que os nenos vaian aprendendo as letras. Estiven a semana pasada no cole de Lérez e puiden comprobar que os pequenos aprenden moi ben as estrofas rimadas. E sobre as ilustracións de Leandro... Sabes isto de que cando sexa maior quero que Leandro me ilustre un libro? Soño cumprido! Leandro a todo lle atopa acomodo, traballar con el é unha pasada", engade.

Compaxina a súa actividade como profesora nun instituto de Cambados coa súa paixón pola literatura, principalmente infantil e xuvenil. Como xurdiu No faiado?
No caso de No faiado coincidiu que meu pai tivera un ataque de vesícula, o proceso foi lento, e pasei con el un tempo no hospital. Era unha residencia antiga, os mobles non eran como os de agora, polas noites costábame durmir. E empecei a escribir. Así foi como naceu este poemario con ideas moi tolas, que xoga coas palabras, de feito, a dedicatoria é para o meu pai.

Autora de poemarios como Os poemas do río (Everest) entre outros, elixe o verso para os seus contos.
Dáme a sensación, sobre todo a medida que vas avanzando en Primaria, que a poesía está un pouco esquecida en todos os ámbitos. Na lectura, no ocio... Compramos libros de poesía as persoas ás que nos gusta a poesía, pero non está nas bandeixas das librarías como as novelas máis actuais. Axudou bastante que as editoriais se animaron a facer coleccións low cost que van enfocadas a adolescentes, de amor, desamor... Todo iso tirou un pouco da poesía na adolescencia, ou autores como Marwan. Pero realmente nos temarios, na didáctica... non hai moita atención á poesía. A min gústame traballar coa poesía, é un xeito de facer que desde pequeniños traballen coa sonoridade dos poemas.

"A poesía está un pouco esquecida en todos os ámbitos: na lectura, no ocio..."

A poesía é unha ferramenta máis na aula?
Escribín Os poemas do río (Everest), unha especia de homenaxe ás profesoras e escritoras galegase é unha obra de teatro. Tiña un plan de lectura e nun cole decidiron usar a obra de teatro para traballar. A directora do colexio A Laxe de Ferrol díxome que estaba por pedir que os libros de texto se fagan con versos e música, porque todos se sabían o papel de todos. Cando recitas, adquires un coñecemento literario máis, como cando sabes unha canción. Paréceme útil. Gústame que lles guste. E logo está o traballo das ilustradoras e ilustradores do noso país. Teño unha estantería chea de libros e a miña decoración son as ilustracións dos libros, penso que non se valora o que temos aquí. Os nenos caen rendidos.

Ademais de poesía, adentrouse na novela algunha vez?
O meu problema é o tempo. Escribir un conto é rápido, escribir un poema é como facer unha colcha de patchwork. Si que teño narrativa breve, pero o problema e sentar a escribir unha novela. Se tivera horario de oficina... pero sendo profe, eu corrixo ata tarde. A xente pensa que os docentes no noso traballo temos moitas vacacións. Hai tempo que teño na cabeza unha novela de bruxas, pensada para a adolescencia, pero fáltame tempo para escribilo.

Co seu alumnado do instituto traballa coa poesía?
Antonio García Teijeiro ten un libro, A poesía necesaria, para ver como levar a creación poética ás aulas e eu trato de facelo. Aos adolescentes tíralles moito o amor, desamor, tiro por aí, facemos haikus con eles... Traballamos a poesía. De nada vale saber que quería dicir Góngora se non che fai sentir nada. E logo tamén vou lendo o que cae nas miñas mans para ver o que lles pode gustar ou non e compartimos lecturas. No instituto facemos moitas cousas, e moitas tolerías. agora estamos facendo un mercadillo de troco para tratar a sostibilidade.

Cales son os seus referentes?
Hai anos descubrín a Carmelo C. Iribarne e xa non puiden parar de lelo. É breve, sutil e dá no cravo. Gústame Víctor Botas en poesía. E en narrativa son fan de Teresa Moure. O meu libro favorito é Herba Moura. Tamén Manuel Rivas. E en castelán Cristina López Barrio.

Comentarios