Cristina Pato e Rosa Cedrón presentan en Madrid o seu disco conxunto, 'Muller'

Cristina Pato e Rosa Cedrón, dúas das artistas máis destacadas da escena musical galega, actuarán este xoves en Madrid no centro Conde Duque, dentro do festival "Los veranos de la villa", onde presentarán o seu disco conxunto Muller, no que, a piano e voz, repasan temas clásicos da terra.

Pato revelou, nunha entrevista, que Muller é "unha viaxe fascinante a través das dúas paixóns" que a unen á cellista e ex compoñente de Luar na lubre: "a música popular galega e a literatura", no que usaron como nexo "a formación clásica que comparten".

Así, neste álbum de catorce cancións, ambas pretenden achegar a música clásica a todos os públicos e mostrar que o papel feminino foi determinante nas composicións galegas, tanto populares como de autor, de aí o título do disco.

O repertorio, en palabras de Pato, é "unha mestura entre clásicos populares, xoias da literatura galega, novas composicións" e "temas que as emocionaban profundamente".

Entre os seus favoritos, destaca "a versión de Octavio Vázquez do clásico 'Unha Noite na Eira do Trigo'" e, sobre todo, o seu vínculo con Portugal a través da canción "máis emocionante de Amalia Rodríguez, 'Bágoa'."

Segundo a artista, a súa intención e a de Cedrón era sacar adiante un proxecto no que crían "máis a nivel persoal que a nivel comercial", e a través do cal puidesen atopar unha linguaxe que unise "a música popular e a música clásica".

Un dos aspectos máis rechamantes de Muller é que Pato abandona a súa habitual gaita para sacar á luz a súa faceta de pianista, cun instrumento sen o que "tampouco podería vivir".

UNIÓN EFÉMERA... OU NON
A unión entre ambas as artistas, explica Pato, xurdiu como "algo puntual e de xeito orgánico", pola "necesidade de sacar á boia" esa parte delas que "aínda non transcendera".

No entanto, a pianista non pode confirmar se este idilio musical dará lugar a máis discos, e explica que só volverán xuntarse cando crean que teñen "algo importante que dicir".

O disco tamén inclúe algúns temas orquestrais, para os que contaron coa colaboración da Bratislava Symphony Orchestra, que interpreta os arranxos do compositor Octavio Vázquez, nun disco que se mesturou en Galicia e se masterizó en Estados Unidos.

En referencia á actuación deste xoves, Pato espera que sexa "unha viaxe a través das emocións, a literatura galega e a música, coa voz, o piano e o cello, nun concerto íntimo e sosegado".

Entre os seus próximos proxectos, Cedrón está a traballar no seu novo disco en solitario, mentres que Pato continuará a súa xira con Eu Eu Ma e o Silk Road Ensemble por Estados Unidos, e fará varias colaboracións en festivais de música contemporánea en España.

Comentarios