Un crowdfunding axudará a financiar o concerto homenaxe a Dany Moure

Nothing but the Blues abre a convocatoria para sumarse á actividade, que está previsto que se celebre o 4 de maio
O músico pontevedrés Dany Moure nun actuación en xullo de 2023. ANXO LORENZO
photo_camera O músico pontevedrés Dany Moure nun actuación en xullo de 2023. ANXO LORENZO

Unha campaña de doazóns, venda de entradas anticipadas e crowdfunding axudará a financiar o concerto homenaxe a Dany Moure que a asociación Nothing but the Blues prepara para o 4 de maio, data do aniversario do músico, en Pontevedra. 

Segundo vén de informar o colectivo, que acaba de nacer e ten por obxectivo velar polo legado do artista falecido repentinamente no verán do ano pasado, no concerto que se está preparando poderase participar de diferentes maneiras: dende asistindo como público ata subindo ao escenario. 

"A asociación convida a músicos e artistas a unirse ao tributo, xa sexa interpretando as súas cancións favoritas de Dany ou sumándose a agrupacións especiais para a ocasión", explica o colectivo pontevedrés. "Convidamos a toda a comunidade a unirse a nós neste emocionante proxecto. Cada doazón e cada entrada anticipada supón un paso máis para honrar axeitadamente a vida e o legado de Dany".

 Os interesados en participar no concerto homenaxe deben poñerse en contacto coa asociación Nothing but the Blues ([email protected]).

O vocalista e guitarrista Dany Moure, nacido o 4 de maio de 1979, foi membro destacado da escena musical de Pontevedra dende rapaz. Fortemente vinculado ao movemento underground na cidade, do que formou parte tanto en solitario como en distintas agrupacións (100 Demonios Blues Band, Gold & Colt, Moucho, Odiosos 5), era habitual que colaborara, por exemplo, nas actividades da sala Karma ou nos festivais que coordina o seu xerente, Marcos Rivas, como o Galegote Rock ou o Surfing the Lérez.

Comentarios