O crowdfunding para o documental protagonizado por Beiras recada 10.000 euros

Fixéronse máis de 200 aportacións á campaña de micromecenado, que permanecerá activa ata o 4 de agosto

Xosé Manuel Beiras. OLLOVIVO
photo_camera Xosé Manuel Beiras. OLLOVIVO

A produtora audiovisual OlloVivo, da que forman parte Pepe Coira, Jorge Coira e Gaspar Broullón, acadou o seu obxectivo de recadar os 10.000 euros para a rodaxe dunha longametraxe documental protagonizada por Xosé Manuel Beiras.

Aínda así, a campaña de crowdfunding continuará aberta á recepción de aportacións ata o vindeiro 4 de agosto, data límite fixada na plataforma Verkami. Segundo os responsables da produción "do que se trata é de ofrecerlle á cidadanía un documental o máis completo posible. Adicaremos cada euro recibido ata a fin da campaña a mellorar os tempos de produción e os recursos destinados á rodaxe. A contar mellor esta historia, conversando con máis xente, visitando máis lugares".

Aquelas persoas interesadas en colaborar, aínda poden facelo no seguinte enderezo: http://vkm.is/beiras. Segundo a cantidade aportada, que abrangue dende os 15 aos 500 euros, establécense unha serie de recompensas, como poden ser o acceso ao visionado online do documental, copias en DVD, carteis, ilustracións orixinais, convites á estrea ou mesmo pases do filme ou obradoiros coa presenza dos membros do equipo.

O documental Beiras. Vivir2Veces achegará o público ao histórico líder nacionalista dun xeito "próximo, descoñecido para a meirande parte da cidadanía galega", segundo indica a produtora a través dun comunicado. 

Esta será a primeira vez que Beiras acceda a repasar en profundidade a súa vida pública e privada nun documental, empregando a conversa con distintas personaxes e a visita a diferentes espazos e momentos que foron claves na súa vida e na nosa historia recente. 

Comentarios