Cultura contra a barbarie, cultura por Palestina

Muerdo, Mercedes Peón e Grande Amore participan nunha gala solidaria de Pallasos en Rebeldía no Pazo da Cultura

Os artistas que participaron na gala pro Palestina celebrada por Pallasos en Rebeldía no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA
photo_camera Os artistas que participaron na gala pro Palestina celebrada por Pallasos en Rebeldía no Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA

"A humanidade xógase o seu futuro en Palestina". Iván Prado, no nome do colectivo Pallasos en Rebeldía, presentaba hai uns días a gala Cultura contra a barbarie en Pontevedra. A proposta, que buscaba recadar fondos para o pobo palestino, tivo lugar este domingo no Pazo da Cultura e contou coa participación de Muerdo, Mercedes Peón, Grande Amore, Najla Shami, o Mago Teto e Rossina Castelli. A presentadora foi a actriz Melania Cruz. 

"O mundo segue mirando cara outro lado namentres esa potencia, que non é un estado, chamada Israel, practica un sistema de apartheid no século XXI, levantando un mundo de inxustiza", sinalou Prado, que anunciou que a de Pontevedra era a primeira das galas que Pallasos en Rebeldía tiña intención de facer polo territorio estatal. "Porque é moi triste ser artistas, crer na forza da cultura e da arte, pensar que o pallaso pode loitar contra as inxustizas, e descubrir que as nosas institucións a nivel europeo, estatal e autonómico non teñen esa necesidade ou fame de xustiza e humanidade". 

Unha bandeira palestina entre o público do Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA
Unha bandeira palestina entre o público do Pazo da Cultura. RAFA FARIÑA

O clown e activista cultural estivo acompañado na presentación da gala polo concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, que lembrou que ao longo das últimas semanas foron asasinadas máis de 10.500 persoas en Palestina, das que máis da metade poderían ser crianzas. "Falamos destes números en apenas un mes, nun territorio cun tamaño que é a metade da provincia de Pontevedra, e onde dous millóns de persoas están ameazadas", sinalou.

"Nada xustifica unha carnicería coma esta. Non hai ningún atentado, nin grupo terrorista, nada que xustifique o asasinato de 5.000 nenos e nenas. Non podemos quedar en silencio. Temos a obriga de denuncialo".

Por todo isto, o concelleiro dixo estar orgulloso de que Pontevedra acollese unha gala como a deste domingo. "Acoller un acto coma este convértenos en parte dun pobo que é quen de poñerse en pé diante dunha inxustiza", explicou, en palabras facilitadas polo Concello. "Estou orgulloso de que Pontevedra acolla unha gala solidaria con Palestina, cun lema como é Cultura contra a barbarie".

Concentración este luns, 13 de novembro, na Praza da Peregrina
Pontevedra acolle este luns (20.00 horas) unha nova concentración en solidariedade co pobo palestino baixo o lema Galiza con Palestina. Terá lugar na Praza da Peregrina. Convocan, entre outros, a asociación galaico árabe Jenin, e os colectivos Galiza por Palestina e Mar de Lumes.