"A cultura é o que fai medrar a humanidade"

Xubílase Manuel Morquecho como coordinador das actividades culturais do Campus de Pontevedra
Manuel Morquecho. DAVID FREIRE
photo_camera Manuel Morquecho. DAVID FREIRE

"Voume feliz. E iso que son bastante crítico comigo mesmo e bastante vergoñento. Tose alguén na outra punta da habitación e póñome eu colorado", confesa Manuel Morquecho (Pontevedra, 1956). "Polo demais, a min o traballo nunca me deu medo e sempre me gustou fedellar por detrás, facer diso que chaman fontaneiro. Así que gocei moito de toda esta experiencia": 

Morquecho vén de xubilarse como director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do Campus de Pontevedra, un posto ao que chegou en 2014 da man do daquela vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, e que cambiou radicalmente a relación da Universidade coa cidade poñendo en marcha unha programación para a comunidade universitaria e para a cidadanía en xeral que incluíu, entre outras cousas, a máis grande exposición realizada no mundo ata o momento sobre a cineasta francesa Agnès Varda; un ciclo de poesía coordinado por Miguel D"Ors e as proxeccións do festival Docs en Pontevedra.

"Moitas veces, o máis difícil deste traballo é tratar de convencer á xente que tes ao carón", explica o creador e xestor. "Eu teño a cultura en alta estima. Penso de verdade que a cultura é a que fai medrar un pobo, a que fai medrar a humanidade. A cultura con maiúsculas, a que vai dende o que se chama alta cultura á que ten un cativo que escoita cantar un paxariño na aldea e sabe cal é": 

A clave á hora de enfrontar a organización dunha programación cultural para Morquecho é a mesma que para enfrontar a vida: a curiosidade."Unha persoa que mantén intacta a curiosidade e a súa capacidade de asombro nunca deixa de aprender". 

Para el, os cartos non teñen por que ser determinantes no éxito e na calidade dunha programación cultural. "Eu recoñezo que, ás veces, peco de optimista. Nunca lle digo a nada que non. Son máis do si. E iso axudoume a acadar cousas que parecían imposibles ou moi difíciles", explica. "Se algo aprendín nestes anos é que a xente que parece máis inaccesible moitas veces non o é e que a xenerosidade das persoas sempre te sorprende. Evidentemente, con cartos podes traer a Elton John se queres, non digo que non, pero non sempre ter moito diñeiro é imprescindible para facer cousas fermosas e importantes. Cal é logo a clave? A ilusión e a tenacidade". Se se lle pregunta polo mellor destes seis anos, nin o dubida: "coñecer a certa xente fantástica": 

Con cartos podes traer a Elton John se queres, pero ter moito diñeiro non é imprescindible para facer cousas fermosas

MEDICINA. A coordinación da actividade cultural do Campus Universitario de Pontevedra é o último chanzo dunha vida, a de Manuel Morquecho, que o levou a estudar de cativo cos dominicos; cursar a carreira de Medicina ata cuarto para despois deixala; sacar unha oposición como traballador dunha biblioteca universitaria e licenzarse en Belas Artes coa primeira promoción de Pontevedra, entre outras cousas.

Asegura que desta estapa como coordinador cultural se sente moi orgulloso. Entre os fitos da súa xestión está ter montado a exposición máis importante de Agnès Varda a nivel internacional. "Tras dous anos de traballo e grazas á colaboración indispensable da que foi a comisaria da mostra, Julia Fabri, e do Concello de Pontevedra, outro cómplice imprescindible en moitas actividades. Só teño boas palabras para a xente do Concello, que sempre estivo aí para todo o que propuxemos". Outra exposición destacada foi a do debuxante taiwanés Page Tsou, "que se conseguiu grazas ás facilidades que nos puxo a Oficina Económica e Cultural de Taiwan". 

Co Diario de Pontevedra, en concreto da man do crítico Ramón Rozas, desenvolveu o ciclo de charlas Conversas na Uvigo, pola que pasaron xornalistas, políticos, escritores, creadores e deportistas como Manuel Jabois, Fernando González Gonzo, Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Emilio Pérez Touriño, ao longo de seis edicións. E con Miguel D'Ors, "o bardo de Cotobade, lle chamamos, porque ten máis de 70 poemas adicados a esta terra", o ciclo Seis días, seis poetas, no que participaron Andrés Trapiello, Ángeles Mora e Luis Alberto de Cuenca, por exemplo. Tamén foi a iniciativa súa que o festival Docs Barcelona trouxo a Pontevedra a súa proposta Docs del mes. A cidade converteuse na que ten o maior número de persoas asistindo ás proxeccións nunha mesma sala en toda España. "E non quero esquecerme dos concertos de Josep Colom, que a día de hoxe non sei que caché ten, porque aquí non o aplicou. Pero si que sei que as entradas para escoitalo no Palau de la Música custa a partir de 80 e 90 euros. Aquí accedeuse de balde". 

O único que botou en falta Morquecho nestes anos foi unha maior implicación da comunidade universitaria nas diferentes propostas. "Nisto envexo aos portugueses, que conseguen involucrar a estudantado, a profesorado... Aquí non o conseguimos". Si que está feliz da relación que conseguiu establecer coa cidadanía en xeral. "Isto é unha universidade pública. Eu tiña claro que unha das nosas funcións debía ser facilitar o acceso á cultura a todo o mundo. E foi o que tratei de facer dende o primeiro día". 

Unha universidade pública debe facilitarlle o acceso á cultura a todo o mundo. Foi o que tratei de facer dende o primeiro día

Comentarios