A Cultura Galega revisa o papel da Facultade de Belas Artes polo seu 30 aniversario

O Consello de Cultura Galega presenta Catro semanas de conversas no centro pontevedrés para a análise da súa traxectoria
Facultade de Belas Artes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Facultade de Belas Artes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Analizar o traballo realizado dende a Facultade de Belas Artes, trazar unha valoración da situación actual e analizar as súas posibilidades de futuro son os obxectivos das xornadas que o Consello da Cultura Galega (CCG) dedica ao campus pontevedrés no seu 30 aniversario. As xornadas están promovidas pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do CCG. Por mor da covid estas serán de xeito virtual a través da web do CCG e as súas redes sociais, entre o 15 de marzo e o 5 de abril, e nelas participarán tanto docentes e egresados da facultade como outros axentes do sector artístico galego.

En setembro de 1990, iniciaba a súa traxectoria a Facultade de Belas Artes ao igual que a Universidade de Vigo. Un centro que xerou unha serie de relacións entre artistas e axentes culturais que a converteron nun elemento imprescindible na paisaxe creativa da nosa contorna que tivo gran repercusión cara fóra.

As xornadas A Facultade de Belas Artes de Pontevedra 30 anos despois estarán coordinadas polo crítico e membro da Sección de Creación e Artes Visuais do CCG Ramón Rozas. Búscase promover una posta en común respecto a importancia e o papel da facultade, "xuntando nun mesmo espazo a profesorado, alumnado, comisariado e artistas", explica.

A primeira xornada , A pegada docente, terá lugar o vindeiro luns 15 de marzo e abordará o papel exercido polo profesorado. Rozas moderará un coloquio no que participarán o profesor emérito e primeiro decano da facultade, Juan Fernando de Laiglesia, o fotógrafo e profesor Manuel Sendón e a artista e docente Marina Nuñez.

A segunda xornada será unha conversa titulada Alumnado, na que se reunirán a tres artistas formados na facultade pontevedresa: Amaya González Reyes, Rosendo Cid e Basilisa Fiestras. A semana seguinte, o luns 29 terá lugar Recepción da nova creatividade no ámbito artístico galego da man da historiadora de arte e docente da facultade Susana Cendán e os comisarios Ánxela Caramés e Ángel Cerviño. E, por último, o 22 de abril clausúranse as xornadas cun diálogo entre o decano da facultade, Xosé Manuel Buxán, a artista e docente Covadonga Barreiro e o ilustrador, animador e exalumno de Belas Artes David Fidalgo.

Comentarios