lunes. 30.11.2020 |
El tiempo
lunes. 30.11.2020
El tiempo

A cultura e a música plantan cara ao covid-19 nos Premios Martín Códax

Un momento da gala dos Premios Martín Códax da Música Galega, que se celebrou este mércores no Pazo da Cultura. BEATRIZ CÍSCAR
Un momento da gala dos Premios Martín Códax da Música Galega, que se celebrou este mércores no Pazo da Cultura. BEATRIZ CÍSCAR
Os proxectos da cidade quedaron sen Melómanas, pero si acadaron a estatuíña seis grupos da provincia de Pontevedra ►O Premio Organistrum na categoría de salas foi para o Náutico

Nin aplausos multitudinarios, nin centos de risas, pero si a mesma paixón e as mesmas ganas, ou incluso máis, de manter viva a música e a cultura en Galicia. Así foi este mércores a gala dos Premios Martín Códax da Música Galega, que se celebrou no Pazo da Cultura de Pontevedra por sétimo ano consecutivo, desafiando ao covid-19, despois de que se tivese que adiar no mes de maio.

A gala celebrouse baixo estritas normas de hixiene e seguridade e sen público. Tan só as autoridades e un representante de cada proxecto finalista puideron gozar dun acto que, a pesar das circunstancias, non deixou de lado a música en directo nin as referencias á pandemia –tanto en clave de humor como reivindicativa–.

Un momento da gala dos Premios Martín Códax da Música Galega, que se celebrou este mércores no Pazo da Cultura. BEATRIZ CÍSCAR

Ambos foron os elementos máis destacados do certame organizado pola Asociación Músicas ao Vivo, no que, un ano máis, as famosas estatuíñas das Melómanas volveron ser as protagonistas. Entre os e as artistas que se fixeron con este galardón, cabe facer especial mención á Banda de Música de Merza, que estreou nova categoría, a de Bandas de Música Popular .

Como nas primeiras edicións do certame a categoría de Música Tradicional e Folk desdobrouse en dúas, resultando premiado Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre na de Música Tradicional e Caldo na categoría de Música Folk. Nesta edición reafirmouse a forza das mulleres na música galega, resultando premiados proxectos como o de Guadi Galego, que levou o premio na categoría Pop e Indie xunto a Banda Somerxida; Carla Green & The Demons, que logrou a Melómana en Blues, Funk e Soul; Silvia Penide, como proxecto destacado en Canción de Autor, ou Najla Shami, que gañou na categoría Músicas do Mundo.

Un momento da gala dos Premios Martín Códax da Música Galega, que se celebrou este mércores no Pazo da Cultura. BEATRIZ CÍSCAR

Outros dos proxecto premiados foron Agoraphobia na categoría de Rock, e Broa en Metal. Laura Lamontagne & Picoamperio levaron a Melómana na categoría de Músicas Urbanas, mentras que High Paw & Elephants Yard fixérono na categoría de Reggae, Ska e Mestizaxe. O grupo de Valga Músculo! acabou premiado na categoría de Electrónica.

Taller Atlántico Contemporáneo (Música Clásica e Contemporánea), Manuel Gutiérrez Trío (Jazz e Músicas Improvisadas), Magín Blanco e a Bandas das Apertas (Música Infantil), América de Vigo (Orquestras, Grupos e Música de Verbena) e o Coro Cantabile (Coros e Grupos Vocais) tamén foron galardoados este mércores.

Por outra banda, os Premios Organistrum foron para O Naútico de San Vicente, na categoría de Salas; Festival Agrocuir da Ulloa e Músicas Galegas Ilustradas, como mellor proxecto de comunicación e difusión musical. O premio honorífico, que se entrega en todas as edicións dos Premios Martín Códax da Música, recaeu na cantora María Manuela.

Un momento da gala dos Premios Martín Códax da Música Galega, que se celebrou este mércores no Pazo da Cultura. BEATRIZ CÍSCAR

STREAMING. A gala, que foi retransmitida en streaming pola web dos Premios, estivo conducida pola actriz e cantante Inés Salvado Gontad e o encargado da dirección musical foi o saxofonista e gaiteiro Pedro Lamas. Como director artístico da mesma exerceu o actor e dramaturgo Gustavo Dieste.

En representación das entidades patrocinadoras dos Premios da Música Galega Martín Códax, asistiron a Directora de Marketing das Bodegas Martín Códax, María Garrido, a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces, o Director da AGADIC, Jacobo Sutil, e en representación da Deputación de Pontevedra a gala contou coa presencia de Victoria Alonso, deputada de Cultura e Gregorio Agís, de Promoción Económica.

Músicas ao Vivo: "Estamos aquí!"
No seu discurso final, a xunta directiva de Músicas ao Vivo quixo deixar clara a súa protesta pola desprotección social e laboral endémica que sufre o sector, e que se veu reforzada pola actual crise sanitaria.

Recalcaron a "precaria situación á que moitas e moitos músicos se ven abocados polas cancelacións de última hora, as reducións de aforo desmesuradas ou o peche de locais de música ao vivo", entre outras eivas ás que se ven sometidos e sometidas.

Dende Músicas ao Vivo solicitan, entre outras medidas, que "as Administracións manteñan un firme compromiso coa cultura este ano e os vindeiros, coas partidas orzamentarias asignadas e respetando os compromisos adquiridos".

Salientaron a urxente necesidade dunha "prestación extraordinaria por cese de actividade para os músicos e músicas autónomas" que se adapte á singularidade laboral destes/as profesionais, e a necesidade de rebaixar o Ive cultural en toda a súa cadea de valor

A cultura e a música plantan cara ao covid-19 nos Premios Martín Códax
Comentarios