Culturgal cumpre 15 anos en Pontevedra

Eva Alonso estréase na dirección da Feira das Industrias Culturais de Galicia incrementando as actividades dirixidas a profesionais e dividindo a zona dos stands en dúas áreas, segundo realicen venda directa ao público ou non
Organizadores e patrocinadores na presentación de Culturgal. DAVID FREIRE
photo_camera Organizadores e patrocinadores na presentación de Culturgal. DAVID FREIRE

Cunha maior presenza de actividades dirixidas aos profesionais do sector cultural galego e cunha zona dos stands no Recinto Feiral dividida en dúas partes, segundo realicen venda directa ao público ou non, a Feira das Industrias Culturais, Culturgal, volve a Pontevedra. O evento, que cumpre 15 anos de vida, foi presentado este mércores no Pazo da Cultura, unha das súas sedes oficiais. Celebrarase entre o 24 e o 27 de novembro e, nesta edición, aumenta o prezo da entrada. "A xeral individual custará 4 euros, pero poñeranse á disposición do público diferentes bonos para facilitar o acceso", avanzou a nova directora de Culturgal, Eva Alonso, que tamén anunciou que se montaría unha exposición conmemorativa sobre os 15 anos de existencia da feira e que nos próximos días se iría facendo pública o resto da programación. O prazo para presentar propostas está aberto ata o 16 de outubro.

A Deputación da Coruña incorpórase como patrocinadora de Culturgal, que suple desta maneira a achega que viña realizando o Ministerio de Cultura e á que este ano a feira non pode optar. "Poucas veces sae á palestra o tema do orzamento e é un tema realmente serio, que nalgún momento vai haber que enfrontar de cara ao futuro", sinalou o presidente da asociación Culturgal, Víctor López.  Esta asociación, que é a que organiza a feira, está composta por cinco colectivos profesionais: a Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

López lembrou que a feira, a máis importante do sector en Galicia e que conta con achegas da Xunta de Galicia (a través da Agadic), do Concello de Pontevedra e das deputacións de Pontevedra e da Coruña, manexa un orzamento de arredor de 100.000 euros. O presidente de Culturgal reivindicou un maior compromiso institucional que permita profesionalizar a organización do evento, que hoxe se realiza en boa medida grazas "ao traballo altruísta das asociacións que están detrás".

"Xa levamos 15 anos ou só levamos 15 anos. Penso que esa podería ser a reflexión que toca facer hoxe", dixo a concelleira de Cultura, Carme Fouces, durante a presentación. "Porque se isto fose un país normalizado, a feira levaría celebrándose 30 anos. En todo caso, é importante que sigan sumándose novas administracións e novos patrocinadores", concluíu.

Xunto a Eva Alonso, Víctor López e Carme Fouces, participaron no acto do Pazo da Cultura o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a deputada provincial de Cultura, Victoria Alonso