lunes. 16.05.2022 |
El tiempo
lunes. 16.05.2022
El tiempo

Culturgal, a feira da creatividade galega con máis de 150 actividades

A conta atrás chegou a cero, e o Culturgal abriu as súas portas para iniciar unha nova edición da feira anual das industrias creativas galegas celebrada no Pazo da Cultura de Pontevedra. O espazo acolle unha morea de actividades repartidas ao longo desta fin de semana (días 5, 6 e 7 de novembro) ata o peche de telón que terá lugar o domingo ás 20:00 horas.

Dende a presentación de libros ou discos, como o novo traballo de Guadi Galego, Lúas de outubro e agosto; pasando por diversos concertos, como o que protagonizará o conxunto liderado por Alfonso Caxade xunto coa Banda de Música de Bandeira, que orquestarán Dança dos Moscas mesturando a arte de ambos os dous. O programa tamén inclúe mesas de debate que abranguirán diferentes temas, así como a proxección de películas, documentais e maratóns de webseries. Por facer, ata farán unha cea temática de A Esmorga (previa reserva). O programa, para non perder nen o máis mínimo detalle, está dispoñible na súa páxina web.

Pero, máis alá desta concentración de esencia galega e de proxectos xa materializados, o Culturgal é un espazo para a creatividade e as ideas, esas que o público ten aínda a bo recaudo e que non termina por facer realidade. Por iso, a revista de tendencias online disquecool.com -que repite este ano como colaboradora da feira- ideou o Off Culturgal, un espazo alternativo no que a xente presentará os seus propios proxectos nun tempo total de nove minutos. Haberá un máximo de nove intervencións -presentando nove proxectos que os integrantes de Disquecool escolleron previamente- as cales poderán enmarcarse dentro de diferentes áreas como diseño, edición, ilustración, música, arquitectura, fotografía, etc.

A pesar do extenso programa do que dispoñen, nunha visita ao Culturgal non é preciso andar pendente do reloxo, pois sexa a hora que sexa sempre hai algo que facer. A Feira non é só unha sucesión de espectáculos e actos culturais, senón que durante os tres días, o espazo conta con máis de 60 expositores de diferentes industrias culturais galegas de diferéntes temáticas e campos que os usuarios poderán achegarse a coñecer.

Todo isto a cambio dunha entrada de baixo custo. Aínda que os anos anteriores era de entrada libre, no 2014 haberá que adquirir unha entrada de 2 euros para acceder á Feira. O público infantil, ata 12 anos, pagará 1 euro. Ademais, haberá oportunidade de adquirir un bono de 3 euros para quen desexe acceder ao Culturgal os tres días.

Culturgal, a feira da creatividade galega con máis de 150 actividades
Comentarios