Culturgal move os marcos e pon ao público no centro

Dirixida por Camilo Franco, a Feira das Culturas de Galicia inicia unha nova etapa apostando por estenderse
As autoridades entrando en Culturgal, co director da feira á fronte. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera As autoridades entrando en Culturgal, co director da feira á fronte. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Pontevedra convértese no epicentro da cultura galega, dende este venres e ata este domingo, ao acoller a Feira das Culturas Galegas, Culturgal. O evento inaugurou a súa 16º edición abrindo unha nova etapa baixo a dirección do xornalista, escritor, crítico e xestor cultural, Camilo Franco, que quere expandir o evento por outras cidades e vilas galegas e que xa manifestou o seu interese por que esta sexa unha feira dirixida inequivocamente ao público. 

Nestes dous aspectos fíxose fincapé durante a inauguración oficial de Culturgal. "O público para nós é o máis importante", confirmou Víctor López, o presidente da asociación que organiza a feira e que está conformada, á súa vez, polas cinco asociacións profesionais máis importantes do sector cultural galego (Asociación Galega de Editores, Escena Galega, Asociación Galega de Empresas Musicais, Eganet e Asociación Galega de Produtoras Independentes), "Queremos que Culturgal lle poña o ramo a todo o que se fai ao longo do ano e queremos que abra camiño a todo o que está por vir".

Román Rodríguez: Xa case non nos sorprenden os premios nacionais de literatura nin os éxitos do noso audiovisual, pero son enormemente meritorios

López tamén puxo o foco no denominado Culturgal expandido, unha das primeiras iniciativas anunciadas pola nova dirección, que quere conectar a feira co resto das vilas e cidades galegas. Por esta proposta felicitouse especificamente a deputada provincial da Coruña Natividade González. "A Feira das Culturas de Galicia por primeira vez move os marcos para ampliar o seu territorio".

A deputada coruñesa referiuse á programación da feira como "intensa, extensa e interesante" e a Culturgal como "o gran escaparate da produción da cultura galega", así como "o principal punto de encontro entre público, artistas e programadores".

Algúns dos primeiros visitantes da feira posando cos Bolechas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Algúns dos primeiros visitantes da feira posando cos Bolechas. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Máis de 80 expositores mostran os seus produtos este ano en Pontevedra, dentro dunha feira que organiza tres días de actividades non-stop. Da programación oficial (cultur.gal) forman parte máis dun cento de propostas entre faladoiros literarios, concertos, actividades infantís, instalacións artísticas e proxeccións de cine. A maiores, a maior parte dos postos organizan actividades propias. Fano de xeito específico as editoras, que terán asinando exemplares a autores como Bernardo Atxaga, Suso de Toro, María Reimóndez, Pedro Feijoo ou Diego Ameixeiras. A entrada á feira custa 3 euros e o resto é de balde.

A deputada Natividade González tamén defendeu a democratización da cultura a partir do que debería ser un apoio incondicional por parte das administracións públicas. "A cultura debería ter un lugar prioritario na axenda política, porque a cultura ten que ser un dereito dos cidadáns".

Miguel Anxo Fernández Lores: Todos precisamos estar aquí. Estamos desexosos de que se sumen tamén as dúas deputacións provinciais que faltan

Ademáis da Deputación da Coruña, tamén patrocina Culturgal a Deputación de Pontevedra. O seu presidente, Luís López, defendeu a potencia creativa do ser humano fronte a calquera revolución dixital. "Non hai Intelixencia Artificial que supere a intelixencia natural", dixo, ao tempo que defendeu o concepto de "municipalismo cultural" que sería o que desenvolvería o seu Goberno e que consistirá en levar actividades por todos os concellos da provincia.

Presentación da aceleradora musical SonEmerxente, de Agadic e Fundación Paideia. RAFA FARIÑA
Presentación da aceleradora musical SonEmerxente, de Agadic e Fundación Paideia. RAFA FARIÑA

"Se Culturgal segue aquí 16 anos despois é porque é útil e porque ten interese. É un bo proxecto que vertebra a cultura de Galicia", concedeu, pola súa banda, o conselleiro de Cultura. Román Rodríguez lembrou que o sector cultural achegaba o 3% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia e empregaba a arredor de 35.000 profesionais. Tamén eloxiou a súa capacidade de adaptación e innovación. "Xa case non nos sorprenden os premios nacionais de literatura nin os éxitos do audiovisual, pero son enormemente meritorios", dixo. 

Finalmente, na inauguración interveu o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, que lembrou a importancia do apoio instituticional a este tipo de eventos. "Todos precisamos estar aquí. Estamos desexosos de que se sumen as dúas deputacións que faltan", dixo. "É un orgullo e unha sorte estar un ano máis presentando o que fai a nosa cultura, que ten amosado a súa capacidade de resistencia e a súa potencia. Alégrome de que Culturgal sexa xa unha cita ineludible no calendario pontevedrés".


Exposición de cifras: dos 105 millóns da Xunta aos 11 do Museo 
Tanto o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, como o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, aproveitaron as súas intervencións para lembrar os investimentos que as súas institucións fan no ámbito da cultura. Segundo o conselleiro, a Xunta destinará 105 millóns de euros en 2024 ao sector cultural. 
PERTE cultural. Da mesma maneira, Rodríguez insistiu na necesidade dun Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) para o sector cultural e demándalle lle ao Goberno central que traslade fondos que garantan a presenza do galego nas novas tecnoloxías.
No caso do presidente provincial, lembrou, como levan facendo hai días no seu equipo de Goberno, que se aumentará un 20% o orzamento de cultura de cara ao ano que vén. Tamén especificou que o Museo de Pontevedra sería o principal beneficiario das achegas. A el se destinarán 10,8 millóns de euros. En conxunto irán 15 millóns do orzamento ao ámbito cultural.

Comentarios