jueves. 19.05.2022 |
El tiempo
jueves. 19.05.2022
El tiempo

Culturgal recupera o seu pulso deixando un balance de 9.000 visitantes

undefined
Tanxugueiras baixaron o pano de Culturgal 2021. RAFA FARIÑA
Un concerto de Tanxugueiras, con convidados como Uxía ou Xabier Díaz e coas entradas esgotadas hai semanas, foi o acto central da última xornada da Feira das Industrias Culturais

Despedíndose ata 2022, cando se celebre de novo en Pontevedra, entre o 25 e o 27 de novembro, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, pechou este domingo a súa edición número 14, marcada pola recuperación da presencialidade tras a edición online do ano pasado.

O público respondeu á convocatoria e, a pesar de non contar el na primeira xornada, a do venres, reservada para proxectos profesionais e para a montaxe dos stands, a organización informou de que 9.000 persoas pasaron polo evento. No Recinto Feiral e no Pazo da Cultura desenvolveuse unha programación con máis de cen propostas.

"Nos próximos días a organización da feira comunicarase coas empresas participantes para coñecer a súa valoración do paso por Pontevedra e das novidades desta edición como ter habilitado o venres 26 como día de montaxe pechado ao público", informaron os responsables do evento, que tamén facilitaron unha primeira valoración do director de Culturgal, Xosé Aldea.

"Volveu pasar. E volveu pasar en Pontevedra, unha cidade coa que xa hai unha identificación plena, que responde á feira como un proxecto propio", sinalou o ditector 

"Cremos que a feira se reequilibra, cun modelo máis sustentable no que seguiremos afondando nas vindeiras edicións, máis cómoda para visitantes, expositores e para nós como organización".

Referencia. Para Aldea, Culturgal é unha cita ineludible. "Todos os nomes de referencia na cultura actual estiveron aquí. Máis da metade das entradas vendidas foron adquiridas on-line. É un cambio substancial respecto das anteriores edicións; tamén acontece cos pagos na feira por parte dos visitantes. En definitiva, cultura segura para todos".

O director da feira tamén valora positivamente o número de visitantes. "Temos que dicir que a afluencia de público superou as nosas expectativas xa que hai só unhas semanas as cabidas que manexabamos eran moito máis reducidas. Recibimos unha resposta moi positiva dos participantes que nos manifestaron a importancia de reencontrarnos, o que fai que nos decatemos da dimensión humana ou emocional, se se quer, de Culturgal, como cita de referencia para o sector", sempre segundo palabras facilitadas pola feira.

Un concerto especial de fin de xira das Tanxugueiras, de preto de dúas horas, con convidados como Uxía, Sabela ou Xabier Díaz e coas entradas esgotadas hai semanas, foi o acto central da última xornada de Culturgal, na que tamén se presentou a xira teatral de Fariña en 2022 e houbo postas en escena por parte de compañías como Talía Teatro e Elefante Elegante (esta última no Teatro Principal). Ademais proxectouse un dos grandes éxitos do audiovisual galego do último ano, Cuñados, e presentouse a nova serie de Movistar+ Rapa, por parte de Portocabo e da Xunta de Galicia.

Culturgal recupera o seu pulso deixando un balance de 9.000 visitantes
Comentarios