miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Culturgal sairá de 'Ons'

Fotograma do filme. DP
Fotograma do filme. DP
A nova película de Alfonso Zarauza abrirá a Feira das Industrias Culturais de Galicia o 27 de novembro en Pontevedra

Tras estrearse hoxe mesmo no Festival de Cine Europeo de Sevilla, Ons, a nova película de Alfonso Zarauza, se poderá ver en Pontevedra. Será o primeiro día de Culturgal. A XIII Feira das Industrias Culturais de Galicia vén de anunciar que o que é "un dos títulos cinematográficos máis agardados do ano" abrirá a 13ª edición do evento, o venres 27 de novembro. antes de estrearse nas salas comerciais e tras o paso por dous grandes certames: o Festival de Cine Europeo de Sevilla (na sección Historias Extraordinarias. Selección Oficial Special Screen) e Cineuropa en Santiago de Compostela. Neste último, onde Zarauza tamén recollerá un dos premios honoríficos do certame, poderase ver o 22 de novembro. Tras proxectarse en Pontevedra, o filme continuará o seu percorrido por outros festivais e certames, como Márgenes (cun pase o 28 de novembro na Cineteca de Madrid).

A proxección de Ons como parte da inauguración de Culturgal terá lugar no Pazo da Cultura, ás 19.00 horas, e incluirá un miniconcerto previo da banda Chicharrón, trío de Carballo responsable do tema principal da película.

Tamén estará presente o director do filme, o produtor Xavi Fonte, e parte do reparto, Melania Cruz, Antonio Durán Morris, Xúlio Abonjo , Anaël Snoek e Marta Lado, para manter un encontro co público. "Este será un dos poucos eventos exclusivamente presenciais de Culturgal 2020, que traslada a súa programación á retransmisión online para chegar a máis público neste ano de pandemia", lembran os responsables da feira.

A proxección no Pazo da Cultura contará coa música en directo de Chicharrón, o trío de Carballo autor do tema central da película

CON CONVITE. O pase está incluído na programación de cinema de Culturgal, que coordina a Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi). Realizarase co aforo permitido polas restricións sanitarias. Os convites estarán dispoñibles online unha semana antes na páxina cultur.gal.

Ons é o quinto filme de Alfonso Zarauza, un dos cineastas galegos máis importantes da actualidade, responable de títulos como A noite que deixou de chover (2008), Encallados (2013) e Os fenómenos (2014). Nesta ocasión levou a trama a unha das máis emblemáticas illas de Galicia, situada na entrada da ría de Pontevedra. "O paraíso agreste da illa atlántica de Ons, cuns poucos habitantes dispersos entre o verdor e os acantilados, vai exercer como un polo magnético na vida dun grupo de persoas", explica Culturgal. "No argumento, un matrimonio que chega a Ons, días que van volvéndose borrascosos, segredos gardados que empezan a aflorar, e unha muller estranxeira que aparece desmaiada na beira do mar". 

ANTÍA OTERO. Polo que se refire ao concerto previo de Chicharrón, a súa presenza completará a presentación da película. A banda de Carballo é a autora do tema central do filme, Na Cela, unha canción que musica un poema de Antía Otero. "Desde 2014, coa gravación do seu primeiro disco Chicharrón (Prenom, 2014), a banda é un dos nomes claves da escena pop musical innovadora do país", informa Culturgal. "Acaban de anunciar a próxima saída dun novo traballo, Unha fogueira intacta".

Culturgal sairá de 'Ons'
Comentarios