Culturgal supera os 10.000 visitantes

A Feira das Culturas Galegas despídese cunha xornada marcada polo audiovisual, o traballo dos debuxantes e a poesía
O cineasta Álvaro Gago xunto a Francis Iglesias (diante) e as mulleres da conserva que participaron no seu filme. MONCHO FUENTES
photo_camera O cineasta Álvaro Gago xunto a Francis Iglesias (diante) e as mulleres da conserva que participaron no seu filme. MONCHO FUENTES

Máis de 10.000 persoas pasaron ao longo da fin de semana por Culturgal. A 16º edición da Feira das Culturas Galegas retomou desta maneira a conexión co público tras a baixada progresiva de visitantes que se viña arrastrando dende a pandemia. O Recinto Feiral volveu verse cheo de xente tanto o sábado como o domingo pola tarde. 

"Nas cuestións centrais a feira cumpriu o seu cometido", explica o director do evento, Camilo Franco, que debutaba este ano á fronte da iniciativa. "O primeiro que tiñamos que facer era cambiar a dinámica da feira e iso quedou resolto. O obxectivo está cumprido e ben cumprido. Culturgal funcionou para o público". Franco explica que a súa sensación é que a experiencia para quen se achegou ao Recinto Feiral foi positiva. "Puido gozar de cousas moi diferentes. Puido circular sen agobios e desfrutar das propostas. Puido ver cousas novidosas, puido atoparse con autores, que lle asinaran libros, e escoitar música e comprar camisetas. E cando o conten outra xente vai lamentar non ter vido ata aquí. E iso é moi importante para crear público para o vindeiro ano".

Nas cuestións centrais a feira cumpriu o seu cometido. Cambiou a dinámina. O obxectivo está cumprido e ben cumprido

Con todo, o director lembra que do que se trataba era de "dar un primeiro paso para darlle a volta a unha situación: agora queda o resto do camiño".
Máis de 80 expositores participaron na edición deste ano, que ofreceu unha programación de máis dun cento de actividades, ás que hai que unir todas as que ofreceron os stands pola súa conta. En total, a organización calcula que se realizaron arredor de 200.

"A partir do que se viu este ano penso que hai moitas posibilidades, moitísimas, de medrar e ampliar moito máis a experiencia para o público, que haxa unha programación máis grande e máis completa", di Franco. 

A xornada do domingo estivo protagonizada polo audiovisual. Pola mañá puido verse O corno, a película que conseguiu facerse coa Cunha de Ouro no Festival de San Sebastián. Presentárona a directora do filme, Jaione Camborda, e Anna Palazón, a doula que asistiu no desenvolvemento da película.

Tomás Guerrero (esquerda) e Diego Ameixeiras presentando o seu cómic, 'Os suicidantes'. MONCHO FUENTES
Tomás Guerrero (esquerda) e Diego Ameixeiras presentando o seu cómic, 'Os suicidantes'. MONCHO FUENTES

Pola tarde proxectouse Matria, outro dos grandes títulos do audiovisual galego recente. Neste caso presentárona o seu director. Álvaro Gago, a muller que inspirou o personaxe central, Francis Iglesias, e varias das traballadoras da conserveira que aparece no filme.

Na xornada do domingo tamén se desenvolveu unha das propostas máis singulares da programación, a protagonizada pola actriz e poeta María Lado, que mantivo conversas coas persoas que quixeron subir con ela no ascensor do Pazo da Cultura. Outra experiencia artística singular foi a que presentaron coxuntamente a escritora Iolanda Zúñiga e o pianista Velpister

A maiores, o debuxante Kiko da Silva, que o sábado presentara a tradución ao galego do cómic Cando o vento sopra, de Raymond Briggs, estivo traballando en directo. O mesmo que Tomás Guerrero, que presentou xunto a Diego Ameixeiras o que é o debut na banda deseñada do autor galego de novela negra, Os suicidantes. e a ilustradora Eli García.

A programación do último día incluíu tamén un recital de Helena de Carlos, Oriana Méndez, Yolanda Castaño e María Lado, ademais dun fin de festa a cargo da Orquestra Galega de Liberación.

Comentarios