Arturo Santos: "A da interpretación e a da escritura son dúas paixóns que arrastrei toda a vida"

Súa nai levouno con tres anos a ver Foise co vento ao cine Victoria e quedou fascinado. "A película dura tres horas e eu non quería que rematara". Participou nunha curta por primeira vez hai 25 anos. Despois viñeron Dani de la Torre e series como Pazo de familia e Águila Roja. Agora acaba de debutar no eido literario.
 
O actor e escritor pontevedrés Arturo Santos Zas. DAVID FREIRE
photo_camera O actor e escritor pontevedrés Arturo Santos Zas. DAVID FREIRE

Sin marcar huellas é o título da novela que acaba de publicar Arturo Santos Zas (Pontevedra, 1956) a través do selo de autoedición Círculo Rojo. Confesa que o seu protagonista, Ventura Simó, ten moito de si mesmo, aínda que as aventuras que vive son puramente ficticias. Mentres traballa xa na que será a súa segunda obra, o autor prepara tamén un guión. 

Publica a súa primeira novela con máis de 60 anos. Como foi isto?
En realidade eu escribín sempre. Teño relatos gardados sen publicar. E algún guión. É case unha obviedade dicilo, pero esta novela empezou escrindo a primeira liña. Dende aí seguín tirando do fó sen pensar sequera en acabar facendo unha novela. Simplemente quería ver ata onde podía chegar. Cando levaba 50 páxinas xa empecei a pensar que o que tiña entre as mans quizais podería ser algo máis que un relato. Ao final, empezaron a xurdir tramas e houbo un momento no que tiven que cortar porque levaba máis de 300 páxinas. Non quería convertir isto nun volume de 800 páxinas que ninguén lera.

Está escrita en primeira persoa e ademais o protagonista, Ventura Simó, é actor. Canto hai de vostede nesta novela?
Bastante. Hai evidentemente toda unha parte de ficción, que ten que ver coas persecucións e coas tramas violentas. Pero a parte persoal si que ten moito que ver comigo. Moitas das emocións que sente este home son miñas. E dígoche máis: moitos outros personaxes da novela están inspirados tamén en persoas reais.

Que conta nesta historia?
O protagonista é un actor, que está un pouco retirado do mundo da interpretación e que busca evolucionar na súa vida traballando con terapias alternativas. Nun congreso coincide cuns amigos e descubre a unha muller, que é arqueóloga, da que lle chama moito atención a súa beleza e a súa soltura. Por unha serie de razóns, esa muller desaparece e este home empeza a seguir o seu rastro. Esa viaxe lévao a Exipto e acaba sendo unha experiencia persoal de crecemento. A partir de aquí xurden unha serie de problemas que é mellor non desvelar. 

A parte persoal deste protagonista ten moito que ver comigo. Moitas das emocións que sente este home son miñas

É un thriller no que introduce reflexións sobre cuestións máis profundas como pode ser a procura do sentido da vida. 
Así é. Porque el é un actor que tivo un divorcio bastante traumático e que vive coa sensación de que non quere máis experiencias amorosas, porque se sente un tanto decepcionado con elas. Ata que se atopa con esta muller, que racha cos seus esquemas e lle abre unha nova porta ao amor. El é o primeiro sorprendido. Convértese case nun adolescente que se lanza a vivir unha aventura que enfronta como un reto persoal. 

Agora que esta novela xa está publicada, escribirá máis?
Si, en principio estou xa con outra. Porque a posibilidade de seguir gozando da escrita é moi atractiva. Gústame moito. Aínda que se faga a tropezóns. Quero dicir que hai momentos nos que enganchas unha liña e non podes parar e outros nos que te atascas e non eres capaz de seguir. Esta nova novela, coa que estou agora, non ten nada que ver coa anterior. É máis intimista. E, á parte, estou cun guión de cine, que é algo que desfruto moito porque o tema dos diálogos dáseme ben. E, dende a pandemia, tamén sigo dando clases on-line de interpretación. Pero a escritura é algo no que me estou involucrando cada vez máis. 

Traballou en series como Pazo de familia ou Águila Roja. Como rematou vostede dedicándose ao mundo da interpretación?
Aínda que, cando casei, busquei un traballo fixo, o tema da interpretación era algo que levaba dentro. Como a da escritura, foi unha paixón que arrastrei toda a vida. Haberá uns 25 anos que un amigo me dixo que quería que aparecese nunha curta que estaba facendo. Despois veu outra de Dani de la Torre, ‘Lobos’. E varios traballos máis con el. Tamén con Jorge Saavedra. E xa non o deixei. Como che digo, era algo que tiña dentro de min. Cando tiña tres anos, miña nai levoume ao cine Victoria a ver ‘Foise co vento’ e contaba que pasei as tres horas cravado no asento e que non me quería ir. Non quería que aquilo rematara. Saín de alí xogando a facerme o morto en cada esquina. Foi algo que, como digo, seguín arrastrando ata que finalmente puiden desenvolver cando chegou a oportunidade. O mesmo que me pasou coa escritura.

Comentarios