Da maxia que converte as páxinas en aventuras: abre o Salón do Libro!

O espectáculo '25 anos de maxia' abriu a programación do Salón do Libro, que celebra as súas vodas de prata con Cataluña como país invitado e a maxia como tema central ▶ Haberá máis de 300 actividades ata o 17 de marzo

"Us donem la benviguda!". A de Cataluña é a cultura convidada neste XXV Salón do Libro Infantil e Xuvenil que este venres abriu as súas portas no Pazo da Cultura e o Recinto Feiral de Pontevedra, unha edición moi especial na que a maxia será a protagonista dunha programación que se estenderá ata o vindeiro 17 de marzo. Ademais, esta edición tamén homenaxea ás escolas pola súa colaboración nestes 25 anos.

O acto botou a andar con intervención do concelleiro Demetrio Gómez quen subliñou que "se o Salón do Libro cumpre hoxe 25 anos é porque en Pontevedra temos autoras e autores, técnicos, ilustradores e ilustradoras, artistas plásticos, animadores, docentes, magos e magas, que fan posible que un traballo tan difícil como este se faga ano tras ano para que escolares e familias poidan gozar dun espectáculo máximo".

Na súa quenda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, quixo abrir o seu discurso citando a Agustín Fernández Paz, "que tantas veces visitou o Salón e como ben dicía, lemos para transformar o mundo. En Pontevedra desde hai 25 anos tentamos poñer a lectura no centro, facer dos libros unha festa e un lugar de encontro para todas e todos". Aínda que mudaron moitas cousas desde a primeira edición, na cafetería do Pazo, "seguen intactas a enerxía e ilusión que serviron e serven de motor a este proxecto que, se non axudou a transformar o mundo, si logrou mellorar a nosa cidade, dando de ler, de xogar a imaxinar a varias xeracións". 

Un lugar destacado nas súas palabras tiveron todas esas crianzas que de pequenas viñeron ao Salón e hoxe son contacontos, escenógrafas, escritores, ilustradoras ou monitores; ou que "son agora mamás e papás e traen ao Salón as súas cativas coa mesma ilusión que viñan elas na infancia". Así, os libros son "fiestras para mirar a outros mundos, pontes para achegarnos a outras culturas e por iso cada ano escollemos unha lingua convidada", neste caso a catalana. Esta fiestra aberta propón un programa especial de actividades, con contadoras e contadores chegados de Cataluña e tamén coa comunidade catalogalega afincada en Galicia. Para pechar, o alcalde quixo agardacer a "todas as persoas que colaborastes e colaborades ao longo destes 25 anos de maxia e lectura".

20240301_Dfreire_063
Xandre Garrido e Olivia Bert fan as súas acrobacias no espectáculo inaugural. Ao fondo, o Coro do IES A Xunqueira I. DAVID FREIRE

Emocionante espectáculo inaugural

Ao comezo do espectáculo o público coñeceu a Adela, unha moza perdida mentres visita o Salón no seu 25 anivesario, arrastrada pola súa nai e a morriña de cando a levaba de nena. Cae e e entra en contacto cun mundo máxico de contos, que fai un percorrido pola historia do Salón.

Con este fío condutor, o público puido gozar dos trucos do mago Óscar, a música de Su Garrido Pombo con Rúa do Pracer, as acrobacias de Xandre Sierra e Olivia Bert, o bo facer do Ballet de Galicia e do Coro do IES A Xunqueira 1 con pezas como O bruit doux, Ho Tarukoi ou Ta na solbici, as historias chegadas de Cataluña da man de Alicia Molina, a pasarela de moda de Esdemga e o número de peche, co tema Human, de The Killers, nunha versión en catalán.

Ao remate do espectáculo, a cativada e as familias baixaron para asistir á tradicional apertura de portas do Salón da man da mascota Orbil e do alcalde. A rapazada tomou a Sala de Exposicións e percorreu o espazo gozando da espectacular ambientación e os máis de 4.000 libros que o Salón garda nas súas estanterías. Ademais, a maior parte poderán levarse en préstamo para as casas a partir deste sábado.

20240301_Dfreire_043
Dúas cativas lendo un libro na primera xornada do Salón. DAVID FREIRE

A programación deste sábado: de Uxía Lambona a Pau Casals, cociña e contos

A programación deste sábado terá como momento álxido o concerto Un soño é..., de Uxía Lambona e a Banda Molona, ás 19.00 horas no auditorio do Pazo. É a única actividade de pago (3€) nunha programación que se estenderá desde as 11.30 horas. Itziar Ezquieta dirixirá o gabinete de curiosidades Imaxin-Arte e o Muvi desenvolverá dous obradoiros de videoxogos. A contadora catalá Alicia Molina (Benvido á casa) e Soledad Felloza (Tin Marín) ofrecerán dous contacontos para bebés, mentres que Polo Correo do Vento protagonizará unha sesión de contos e música que homenaxerá a Pau Casals.

Tamén haberá un obradoiro de cociña e contos (Máxica cociña: pa de pessic) con Reviravolta e outro de ilustración (Abracadabra!) a cargo de Platanera, mentres Sofía Venzel e Michel Casado impartirán un obradoiro de paste-up baixo o título O Papalibros 3020 MaxPRO.

O programa, con horarios detallados, idades recomendadas e indicacións para a reserva de prazas pode consultarse na páxina web do Salón.

Comentarios