Dakidarría estrean o seu novo traballo esta fin de semana en Pontevedra

A sala Karma acolle este sábado o concerto de presentación de Colaxe ▶ A banda do Val Miñor estará acompañada polos pontevedreses Fondo Norte
Unha imaxe promocional de Dakidarría.
photo_camera Unha imaxe promocional de Dakidarría.

A xira de presentación do novo disco de Dakidarría, Colaxe, chega este sábado a Pontevedra, despois de pasar por Lugo e por Asturias. Os do Val Miñor presentarán os seus novos temas nun concerto no que estarán acompañados polos pontevedreses Fondo Norte. A actuación está prevista para as 22.00 horas. A entradas (13,20 euros) están á venda aquí.

Incluído na programación do 16º aniversario de Karma, o concerto de Dakidarría volve traer á banda de ska, punk e reggae a Pontevedra, despois de ofrecer un gran concerto de despedida da súa anterior formación, o pasado novembro, no Recinto Feiral. Agora virán a presentar o seu novo traballo, o seu sexto álbum de estudio, que inclúe un tema en coautoría con Tanxugueiras e O Rabelo, Pobo de artistas. Entre os colaboradores cos que contaron neste novo álbum están Evaristo (La Polla Records), High Paw, InadaptatsXavi Solano (Esne Beltza) e Menina Arroutada, entre outros. 

Grabado en A Carpintería e mesturado en Santa Cruz Recording Studios por Alber Castro, este disco, segundo explica a banda miñorana, rende homenaxe aos seus 18 anos de carreira, así como ás diferentes subculturas e estilos musicales dos que foron bebendo ao longo de todo este tempo.

Despois do concerto en Karma, Dakidarría viaxará a Villarrobledo para participar no Viña Rock (27 de abril). No mes de maio teñen pechadas outras tres datas en Galicia: no Master Club de Vigo (6 de maio), na sala Malatesta de Santiago (7 de maio) e no Ouren Sound de Ourense (27 de maio).

Comentarios