Nélida Piñón defende a volta ao "centro da memoria" na entrega do premio que amadriña

Piñón y Asorey. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Daniel Asorey, premiado co galardón de relato curto, reivindicou una aposta pola lingua galega para evitar o seu esmorecemento ▶O conselleiro de Cultura anunciou que Cotobade será o centro das celebracións do Día das Letras Galegas adicado a Antón Fraguas

O escritos Daniel Asorey recibiu este martes de mans da escritora, académica, premio Príncipe de Asturias das Letras e filla predilecta de Cotobade, Nélida Piñón o título que o acredita como gañador da segunda edición do certame literario bianual que leva o nome da autora brasileira.

Piñón, que aproveitou a ocasión para volver a agradecer poder darlle o nome a un certame que se celebra en Galicia, e máis concretamente, no municipio que ela calificou como "epicentro de mi memoria", loubou a convocatoria, que, como lembrou, serve para dar relevo ás voces existentes no mundo da literatura, e supón, para ela, unha ocasión de voltar á terra que inspirou parte do seu universo narrativo.

A escritora, que confiou no poder da improvisación para dar o seu discurso antes de entregar o galardón, quixo lembrar as historias do seu primeiro encontro con Galicia, cando tiña dez anos, e en explicar que, no seu enésimo viaxe a Cotobade, na mesma xornada, non dubidara en pedirlle ao chófer que fixera unha parada na ponte de Borela e na capela de Nosa Señora de Lourdes para poder contemplar os elementos que compoñen a imaxe icónica, recollida na súa obra, e tamén o momento no que ela lembra que pensou que ía "amar esta tierra para siempre".

A autora e premio Príncipe de Asturias das Letras destacou a importancia dos premios literarios, como garante de continuidade do oficio e explicou que ela mesma recibira "muchos premios que me han ayudado mucho", aínda que reflexionou ante o gañador e un dos dous accésits presente no acto, Rosendo Cid (Xesús Fraga, o outro premiado non puido acudir á cerimonia): "El premio no debe hacerte sentir que eres fantástica. Te permiten ganar un territorio, un espacio, para encomendarte a tu próxima obra. Los escritores somos personas en constante construcción".

O autor, galardoado polo seu relato Anatema, tamén tivo un momento de agradecemento para as entidades que organizaron o certame e, en especial, para a escritora que o apadriña.

Asorey, que recoñeceu que "Brasil me dá sorte", destacou a alegría que lle producen as súas experiencias no país carioca, ao que viaxa con frecuencia, e "onde a miña lingua, ou a filla da miña lingua, se extende e se fala con normalidade". Fronte a isto, Asorey reclamou para Galicia unha aposta pola cultura e a lingua para evitar o seu esmorecemento.

 

Os autores Rosendo Cid, co relato ‘37 vidas breves’ e Xesús Fraga, con Roller Girl recibirou dous accésits de mil euros

 

"Pesa sobre Galicia unha sentenza de morte. E o seu pobo non fai máis que prolongar a execución día tras día. Hai moito que Deus esqueceu esta terra, malia os homes teimudos e valentes que quedan nela", citou o galardoado, rescatando palabras de Madruga, un dos persoaxes centrais dunha das obras máis lidas de Nélida Piñón, A República dos Soños.

ANTESALA DAS LETRAS. O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez e o deputado provincial da mesma área, Xosé Leal, estiveron presentes neste acto, no que se materializou o dictame do xurado composto por Malores Villanueva, Luis González Tosar e Ana Cabaleiro, que tamén formaban parte do público que encheu a sala do Consistorio cotobadés.

Román Rodríguez, ademais de loubar a traxectoria dos tres premiados, que "están xa no noso cirtuito literario", e do propio certame, que a pesar de ter cumprido dúas edicións rexistrou máis de 50 propostas, quixo lembrar que este premio será antesala dun ano no que a Cultura e a Lingua serán protagonistas en Cerdedo-Cotobade.

Este municipio acollerá os actos principais das celebracións do Día das Letras Galegas, que en 2019 se centrarán na figura do escritor, historiador, antropólogo, etnógrafo e galeguista Antón Fraguas, nado na parroquia de Loureiro.

Con respecto a Nélida Piñón, o máximo responsable de Cultura destacou a súa "enorme humildade" e deulle as grazas "por sentirte galega e deixarnos orgullecernos de ti".

Tamén tivo palabras de afecto o alcalde presidente de Cotobade, Jorge Cubela, que exerceu de mestre de cerimonias e abriu o acto cun breve discurso no que afirmou que "para nós é un orgullo que unha muller de tanto prestixio e cunha traxectoria literaria de primeira orde estea hoxe aquí e amose tanto cariño pola súa parroquia orixinaria de Borela", antes de felicitar aos gañadores. "A calidade dos vosos traballos é fundamental para que este galardón siga medrando e se consolide como merece no panorama galego das letras", explicou. O deputado de Cultura Xosé Leal, lembrou o orgullo de que a Deputación sexa un dos tres piares que sosteñen este certame e reivindicou o papel dos premios e concursos literarios como elemento dinamizador da lingua, "columna vertebral dun pobo con identidade propia".

4.00 euros. O Certame de Relato Breve repartiu nesta segunda edición un premio de 4.000 euros para o gañador, mentras que os dous accésits, de mil euros, foron para as obras Roller Girl, de Xesús Fraga e 37 vidas breves, de Rosendo Cid. Na anterior edición non se entregara ningún accésits e todas as partes coincidiron este martes en sinalar que este incremento na cantidade de premiados é un indicador tamén da calidade literaria dos traballos presentados.

No acto, amenizado pola Coral da Escola de Avogados, estiveron, entre outros, o secretario xeral de política, Anxo Lorenzo, así como as académicas Malores Villanueva e Fina Casalderrey, o escritor e membro do xurado, Luis González Tosar, a escritora e tamén xurado Ana Cabaleiro; o deputado e vicepresidente da Corporación, Jose Balseiros, e múltiples personalidades do mundo editorial.