Viernes. 14.12.2018 |
El tiempo
Viernes. 14.12.2018
El tiempo

David Cortizo: "Á literatura galega non lle queda outra que estar na vangarda"

O responsable editorial de Urco, David Cortizo, no patio do colexio da Xunqueira II, onde estudou. DAVID FREIRE
O responsable editorial de Urco, David Cortizo, no patio do colexio da Xunqueira II, onde estudou. DAVID FREIRE

Autoproclamado selo feminista, coa colección ‘Mulleres bravas’ por bandeira, Urco Editora é unha das novas empresas de edición de libros de Galicia con paso máis firme. Á súa fronte está un pontevedrés 

Entrou en Urco Editora como comercial e acabou dirixindo o selo compostelán. David Cortizo (Pontevedra, 1978) é o tipo que está detrás desta pequena editorial que naceu especializándose en fantasía e ciencia ficción, traducíu ao galego o Apocalipsis Z, de Manel Loureiro, e hoxe está volcado coa conmemoración do 17 de maio adicado a María Victoria Moreno. Cortizo recoñece que a colección ‘Mulleres bravas’ marcou un antes e un despois na traxectoria do selo e desvela que si, que o de Urco é pola figura mitolóxica pontevedresa.

Como remata vostede como director editorial de Urco?
Pois foi unha viaxe bastante curiosa, porque eu entrei en 2013 para facer de comercial. Pouco a pouco empecei a asumir outras funcións como cousas relativas á xestión da empresa ou á edición de textos. Finalmente, trala marcha da persoa que se estaba a ocupar da dirección, decidiuse que quen pasara a coordinar un pouco o conxunto do traballo que realizamos fora eu. Pero comigo está aí, man a man, Andrea Jamardo.

O selo naceu en 2006 especializándose en fantasía, terror e ciencia ficción. Pero acabou indo moito máis alá.
Efectivamente. Cando apareceu era a única editorial especializada neses xéneros en Galicia. Iso, naquel momento, conseguíu que Urco tivese certa repercusión. Pero despois había que dar un paso máis. A miña achega foi por ese lado: había que reforzar a presenza de autores galegos. Era unha oportunidade clara de medrar. A tradución tiña escasa repercusión. Entre outras cousas porque non podiamos traer aquí aos autores para mover os títulos. Foi aí cando se iniciou a aposta por autores galegos, pola liña de literatura infantil e xuvenil e cando entrou a traballar con nós Andrea Jamardo, responsable da colección ‘Mulleres bravas’.

Que supuxo un punto de inflexión na historia do selo.
Sen dúbida ningunha. Supuxo un punto de inflexión a nivel interno, porque se decidíu iniciar un novo camiño, e a nivel de repercusión exterior. A publicación de ‘Mulleres bravas’ marcou unha nova filosofía de traballo que nos obrigou a repensar mesmo o resto do catálogo. Eu fun partidario de trasladar as directrices baixo as que se lanzaba esa colección a todo o que se facía no selo dende ese momento.

"Os homes diríxense directamente ás editoriais. Ás mulleres hai que buscalas; están máis ocultas, máis silenciadas"

De feito, na web non existe un catálogo de autores ,como é habitual. Senón de autoras. E nel están todos.
Pero é que, por exemplo, a colección ‘Mulleres bravas’ está realizada ao cento por cento por mulleres. E no catálogo xeral, practicamente todas as novidades, salvo creo que unha de Neil Gaiman, son de mulleres. É algo que mudou moito. Cando eu cheguei á editorial había unha ou dúas autoras. Contadas, como en calquera lado. Estamos falando igual dun 90 por cento de títulos asinados por homes. Porque acontece que eles se dirixen moito máis aos selos. A elas hai que buscalas: están máis silenciadas, están máis ocultas. Supón un pequeno esforzo para o editor incorporalas. Pero nós apostamos por facelo. E hoxe en Urco podemos presumir de ter trocado a proporción absolutamente. E estamos ben contentos.

Como son os libros que publica Urco? Cales son esas directrices que marcan a liña editorial?
Basicamente somos unha editorial feminista. Baseamos a nosa filosofía no feminismo, na igualdade e na liberdade creativa. Buscamos un tipo de material diferente, fóra do convencional, que se considere progresista, que se considere moderno. Se ben é certo que á literatura galega, case por supervivencia, ten que estar sempre na vangarda. Non lle queda outra. Do tradicional, dos clásicos, poden vivir outras letras. A literatura galega se quere sobrevivir ten que ser vangardista.

A pesar de ser compostelán, no seu selo hai varias chiscadelas a Pontevedra. A primeira, o nome.
Si, o nome. Porque o fundador da editorial, Tomás González Ahola, que é de Vilaboa e estudou en Pontevedra, cando creou a editorial, daquela especializada en fantasía, pensou nun personaxe mitolóxico e elixíu este tan pontevedrés do Urco.

Outra ten que ver co autor da cidade que máis libros vende polo mundo, Manel Loureiro. Urco foi quen lle traducíu ao galego o seu debut, Apocalipsis Z.
Así é. Saíu dunha conversa coa xente da librería Paz, na que me comentaron que era ata un pouco vergoñento que Loureiro non tivese os seus libros traducidos. Falamos con el e fixémolo. E fíxate que o primeiro da triloxía é un libro que funciona moi ben e segue a ser un dos nosos máis vendidos.

E este ano están volcados con María Victoria Moreno. Reeditaron os seus primeiros contos e están detrás do premio co seu nome.
Isto tamén moito que ver con que María Victoria Moreno foi mestra de Tomás González Ahola. Cando pensamos nas ‘Mulleres bravas’ tiñamos claro que un dos títulos estaría adicado a ela. Aí foi cando Andrea Jamardo se puxo en contacto coa familia e saíu a idea de reeditar os títulos que estaban destacatalogados e os textos que permanecían inéditos. Foi unha alegría tremenda. E, despois, como eu xa tiña na cabeza a idea de sacar un premio de literatura xuvenil, pareceume que quizais era boa idea falar co Concello e intentar que levase o seu nome. A proposta foi adiante e estamos moi felices.

Na web da editorial explican que ter ampliado o seu catálogo responde, en realidade, a un obxectivo final: "a dominación mundial". Como vai o asunto?
Vai, vai (ri). Iso ten que ver coa miña condición de home de 40 anos moi infl uenciado, como toda a miña xeración, pola televisión. Na serie dos Simpson hai un capítulo no que Homer monta un grupo de vixiantes e revela os seus tres plans: programas de alfabetización, coidar os pasos subterráneos e a dominación mundial. A min pareceume unha ‘coña’ moi apropiada para sinalar que non temos límites.

David Cortizo: "Á literatura galega non lle queda outra que estar...
Comentarios