"Somos unha directiva que se considera continuista, pero algunha cousa si que nos gustaría reforzar", di David Cortizo (Pontevedra, 1978), novo presidente da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Forxado no mundo editorial, foi socio de Urco e de Cuarto de inverno. Desta última, ata decembro do ano pasado. Hoxe segue traballando por libre como corrector «e o que sae» para distintos selos. Entre os primeiros retos que di enfrontar en Gálix está o de ampliar a súa base social (Sque agora mesmo supera o cento de socios, pero que podería ser moito maior").
Enténdese que dá comezo unha nova etapa en Gálix.
En canto a que hai unha nova xunta directiva, si. Pero a realidade é que todos consideramos que se estaban facendo as cousas ben. Así que, en realidade, somos unha directiva continuista. A representación que se viña realizando a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX) galega a nivel internacional hai que mantela porque se facía xenial. O proxecto da Biblioteca de Gálix, que está na Cidade da Cultura, pero que é nosa, pois igual.
As bibliotecas escolares galegas son as mellores do Estado
Que retos máis importantes enfrontan entón?
Acadar unha maior visibilidade podería ser un. Aí si que penso que hai un punto de mellora, na comunicación de cara á sociedade. Outro reto é a ampliación da base social. Porque Gálix está aberto non só a persoas que escriben ou ilustran, senón tamén a bibliotecas, concellos, fundacións, asociacións, centros escolares, librerías, etc.
A LIX galega é unha potencia?
Éo. E a demostración é que Fina Casalderrey é candidata ao Premio Hans Christian Andersen, o galardón máis importante do mundo no ámbito da LIX. Se non me equivoco, no Estado Español só se gañou unha vez con Marcelino pan y vino, en 1958, cando aínda se lle concedía a unha obra e non a unha traxectoria. Pero non só iso: aí están todos os premios nacionais recibidos. Ou os Lazarillo. Ledicia Costas é a única autora que gañou tres destes últimos. E fíxoo en só seis anos. Polo tanto, si, a LIX galega ten unha potencia moi grande. Por moitos factores ademais. Por exemplo, grazas ao traballo das bibliotecas. As bibliotecas escolares galegas son as mellores do Estado.
Prexuízos coa LIX hainos incluso dentro do propio sistema literario. Os adultos non sabemos mirar cara abaixo, só cara arriba
Pesa máis a literatura infantil que a xuvenil?
Pregunta complicada. Entre outras cousas porque non está moi clara a fronteira entre unha e outra. Aparentemente a xuvenil é menos consumida. E digo aparentemente porque despois, nos informes anuais dos editores, a dos adolescentes e da mocidade, entre os 15 e os 20 anos, é a franxa de idade que máis le. En Galicia, as coleccións xuvenís teñen un peso máis que considerable. Diríache máis: eran o motor económico das editoriais nas que eu traballei. Que lle falta tamén? Prestixiala. Esa literatura que os norteamericanos chaman young adult e nós xuvenil o que necesita é maior prestixio. Por iso foi que creamos tamén en Cuarto de inverno o Premio María Victoria Moreno co Concello de Pontevedra. Para axudar neste sentido. Debería haber máis premios de literatura xuvenil.
Seguen existindo prexuízos coa LIX ou hoxe están superados?
Non, non están superados. Hainos incluso dentro do propio sistema literario, incluso entre os autores. Hai pouco unha autora queixábase nunha entrevista de que se catalogase sempre como autora de LIX cando tamén escribira para adultos. Entendo a queixa porque hoxe todo se tende a clasificar pero, se o caso fose ao contrario, probablemente non se queixaría. Son preconceptos que están aí, que sofren a literatura fantástica ou a novela negra tamén. A LIX é evidentemente tan literatura como calquera outra. Que pasa? Que os adultos non sabemos mirar cara abaixo, só cara arriba.
Pode haber desleixo, pode haber erros, pode haber falta de entendemento... Pero mala praxe a propósito e por sistema nas editoriais galegas, eu non atopei
Ten Fina Casalderrey posibilidades de facerse co Premio Andersen?
Eu o único que che podo dicir é que a min, que nacín na parroquia de Alba e que lin LIX toda a miña vida incluso nesa idade na que as miñas amigas deixaban de facelo, me fai unha ilusión tremenda que unha veciña poida conseguilo. Que poida pasar xa é algo tremendo.
Recoñécese o suficiente en Galicia aos autores e ilustradores da LIX ou a selos como Kalandraka?
Eu que sei... É verdade que ás veces se bota en falta algo máis de entusiasmo neste sentido. Poñamos o caso de Paula Carballeira, que é unha persoa moi querida no sistema literario e cultural galego e que vén de gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática. A miña sensación é que, en xeral, igual non se lle prestou a atención que debería. Como se fose algo normal ou sen maior relevancia. Agora, a embarrarnos nas liortas apuntámonos todos. Quizais tamén porque as redes sociais son máis de discutir que de gabar.
Nas redes sociais, vostede dixo que lle producía tristura o enfrontamento entre o escritor Alberto Ramos e o editor Francisco Castro que rematou esta semana coa dimisión deste último como director de Galaxia.
Efectivamente. Porque, como dicía no chío, para min ‘Os corpos dos Romanov’ é un libro marabilloso, unha das grandes obras do ano pasado. Pero somos como o can da película Up, en canto salta calquera cousa, xiramos a cabeza. Sobre todo se é unha polémica. Ante o éxito desa obra, unha das mellores que eu teño lido na miña vida, pasamos de lado. Por outra banda, Galaxia é unha editorial que leva catro premios nacionais nos últimos catro anos. O conflito que puido haber entre un e outros é unha cousa, pero que houbese xente que, sen estar implicada, estivese tan rápida en empezar a pedradas dame pena. Falo de xente que nin sequera forma parte do sector cultural.
A denuncia pública que fixo o escritor nunha entrevista de Praza e que respaldaron outros autores nas redes sociais baseábase nun enfrontamento coa editorial por non facerlle contrato. É habitual a mala praxe no sistema literario galego?
A miña experiencia é que non. Pode haber desleixo, pode haber erros, pode haber falta de entendemento... Pero mala praxe a propósito e por sistema, eu non atopei. Por suposto, esta é a miña experiencia persoal que, en realidade, non vale para nada. Porque houbo, como dis, varios autores que respaldaron a Alberto Ramos neste sentido e seguramente terán outra opinión. Tamén é certo que para mediar nestes casos están a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Asociación Galega de Editoras (AGE) que, como o propio Ramos contou, interviñeron neste caso para tratar de solucionar o problema. Que é algo que eu tamén poñería en valor. Porque efectivamente Alberto Ramos non minte e estas cousas pasan. Que os problemas existen, seguro. A cousa está en como decidimos enfrontalos para darlles solución.