miércoles. 27.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 27.10.2021
El tiempo

De mitos e piratas

Varias pezas da exposición 'A existencia de Acetes'. GONZALO GARCÍA (Casa das Campás, Pontevedra)
Varias pezas da exposición 'A existencia de Acetes'. GONZALO GARCÍA

Ata o 30 de xuño na Casa das Campás a exposición A existencia de Acetes é unha interesante reflexión dende o mito narrado por Ovidio no que uns piratas convértense en golfiños. Aquí, onde se agocha o tesouro de Benito Soto, estas obras enfróntannos á historia

SON OS RELATOS os que nos sustentan como civilización. As narracións asentadas no mito dende as que medran todas as nosas historias e relatos ata hoxe mesmo. Reflexionar arredor deles todavía segue a xerar novas percepcións, novas maneiras de mirar cara o pasado, en moitas ocasións, para comprender o que somos.

O comisario italiano Stefano Spairani, que xa estivera presente en Pontevedra fai un ano para explicar os seus proxectos de dinamización cultural, baixo a coordinación do profesor da facultade de Belas Artes de Pontevedra, Manuel Dimas, traslada aquela experiencia da teoría á práctica. Esta mostra, con artistas italianos e españois, exemplifica a necesida de tecer redes entre diferentes dinámicas culturais e como aí, Pontevedra convértese nun espazo único e con múltiples posibilidades.

Esta mostra, con artistas italianos e españois exemplifica a necesidade de tecer redes entre diferentes dinámicas culturais

METAMORFOSE. Juan Fontaiña, Jaime Royo, Umberto Chiodi, Tania Fiaccadori, África Ruiz, Giorgio Cellini, Karent Justiniano son os artistas elexidos para reflectir a súa proposta creativa e visual fiada co mito de Baco e os mariñeiros de Acetes. Nese relato do Libro das Metamorfosis de Ovidio, Baco converte a uns piratas que se lanzaron ao mar en golfiños que dende entón sempre acompañan aos barcos desexando retornar á cuberta. Esta fermosa narración, como tantas das que xorden os mitos, forxan o que é a nosa cultura occidental. Stefano Spairani acerta ao achegar a Pontevedra ese fío coa historia xusto na casa onde Benito Soto, o noso pirata, agochou o seu tesouro. Alí aséntase estas novas pezas que, dende o artístico, e dende a súa potencia visual e conceptual, lévannos a plantexar a nosa propia experiencia como espectador coa de habitar nunha vila na que o mar é protagonista da súa historia de cidade antiga.

Cada unha destas pezas móvese nesa idea da metamorfose, dun proceso de cambio ou muda que se condensa na súa forma

Cada unha destas pezas móvese nesa idea da metamorfose, dun proceso de cambio ou muda que se condensa na súa forma. As portas de Juan Fontaiña, son unha condensación do tempo, dun paso que modifica o físico alimentado coa memoria; Jaime Royo, cunha bola de bronce que semella xurdida do fondo do mar, amosa a capacidade de transformación dos materiais; Umberto Chiodi traballa un óleo sobre lenzo no que o vexetal é o animal semellan encher toda a súa superficie nun proceso orgánico; Tania Fiaccadori, propón unha peza chea de vida, unha solución salina onde está a medrar a vida baixo unha luz verde que permite a visión; África Ruiz nun vídeo fala do proceso de reconstrución xerando unha paisaxe; Giorgio Cellini recupera unha antiga peza de cerámica á que cada día se lle cambiará aquilo que funciona como a súa cabeza; Karent Justiniano chanta na sala unha crisálida, unha peza cunha forma perfecta, unha beleza de alabastro sobre nogal que como poucos elementos acollen esa sensación de cambio de vida e de mutación.

Ata o 30 de xuño, a carón do tesouro do pirata, temos estas pezas que como golfiños semellan que se culmine o proceso de transformación que ten lugar ao longo de toda a nosa vida.

De mitos e piratas
ç