'Debezos', de Avelino Díaz, primeiro gran poemario en galego da posguerra

Piden en Riotorto e Meira que se lle dedique o Día das Letras de 2017
Asistentes a unha reunión da asociación cultural Avelino Díaz, en Riotorto
photo_camera Asistentes a unha reunión da asociación cultural Avelino Díaz, en Riotorto

O volume 'Debezos', de Avelino Díaz, é o primeiro libro de poesía importante publicado en lingua galega despois da guerra. Tal e como aparece datado no propio libro, Debezos “se terminó de imprimir el día 4 de julio de 1947 en la imprenta José Rosenbaum, Gral. Urquiza 42, Buenos Aires”, xusto vinte (20) días antes de que vise a luz Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño.

Ata agora os estudosos consideraban 'Cómaros verdes', de Aquilino Iglesia Alvariño, o primeiro poemario importante da posguerra, pero 'Debezos', en efecto, publicouse vinte días antes.

A Asociación Cultural Avelino Díaz, formada por un importante número de colectivos de toda índole dos concellos de Riotorto e Meira, ademais de por persoas particulares, e que pretende poñer en valor a vida e a obra do poeta, vai solicitar á Real Academia Galega que se lle dedique o Día das Letras Galegas do vindeiro ano, con motivo do 120 aniversario do nacemento do poeta.

Avelino emigrou sendo mozo a Buenos Aires, onde desenvolveu un intensa actividade xornalística e literaria. Nunca regresou á Terra, e precisamente por iso a súa obra é, se cadra, máis coñecida en América que en Galicia. A pesar diso, trátase dunha obra de calidade que sen dúbida merece unha investigación demorada, sobre todo se temos en conta que, á marxe dos seus catro volumes publicados, uns 850 poemas seus están pendentes de localización.

Comentarios