Unha década 'liskando'

O grupo de ska e punk Liska!, de Pontevedra e de Vigo, pecha a serie de EPs 'República' cun tema en homenaxe ao Canteiro de Sebil, fusilado en 1936
Os compoñentes de Liska! nunha foto promocional da banda. DP
photo_camera Os compoñentes de Liska! nunha foto promocional da banda. DP

"Sermos é un tema feito en homenaxe ao veciño de Cuntis Xoán Xesús González, o Canteiro de Sebil, que ademais de canteiro foi mestre, xornalista, dirixente e intelectual galego, fusilado en 1936", conta Alba Moledo sobre a última canción da banda de punk e ska Liska!. "A canción xurdiu a partir do coñecemento da historia deste home, que foi rescatada polo colectivo Quinteiro do Umia en 2017, a través dun documental. Do que se trataba era de renderlle homenaxe a un referente, a alguén que representase esa galeguidade e esa esencia coa que no grupo nos identificamos. "Era unha persoa que loitou pola súa terra e que, como outras, rematou asasinado".

Con Sermos, a banda, formada por dez integrantes de distintos puntos da provincia, como Pontevedra, Cuntis, Vigo, Ponteareas e Val Miñor, que vén de cumprir dez anos de existencia, pecha unha serie de EP que agruparon baixo o lema República. O seu videoclip foi gravado na Canteira de Paredes (Vilaboa). "Buscabamos unha localización que tivese que ver coa figura que homenaxeabamos. A Canteira de Paredes era perfecta. É un sitio bastante impresionante no que ademais e fai tamén un festival, o Canteira Fest", explica Alba Moledo (Campañó, 1994), saxo alto do grupo.

Despois de presentar as súas novas cancións en directo en decembro en Vigo, a banda prepara unha xira por Galicia para 2022

Liska! debutou en 2013 con Sonhos de raiva. A ese traballo seguiulle, en 2017, o que sería o punto de partida do proxeto República, un EP con cinco temas titulado República 1.0. Como unha continuación a aquel álbum saíu en 2020 República 2.0, no que grupo reafirmaba o seu compromiso coa lingua, a denuncia social e a identidade. "Os nosos valores non cambian. Se acaso, cada vez son máis fortes".

Coa saída do single Sermos, dan por pechada unha etapa, cuxa última parte queren poder empezar a presentar en directo canto antes. De feito, houbo xa un primeiro concerto, o 17 de decembro, en La Fábrica de Chocolate de Vigo. "Levabamos como dous anos case sen tocar, como a gran maioría dos grupos. Pero conseguimos ofrecer esa actuación xusto antes de que todo se complicara coa sexta vaga e se empezaran de novo a suspender e a aprazar concertos", conta Alba Moledo. "Foi un momento moi emocionante porque o público respondeu moi ben e puidemos volver coincidir con toda a nosa xente", di. "Somos un grupo moi de directo, de buscar moito o contacto de ti a ti. Gústanos ter ao público pretiño, verlle a cara, sentilo. Botámolo en falta".

"Somos un grupo moi de directo, de buscar moito o contacto de ti a ti. Gústanos ter ao público preto e botámolo en falta"

Agora, a idea do grupo, é ir pechando novas datas e ofrecer unha xira de presentación por Galicia. "A idea era despegar dende o concerto de Vigo, pero tivemos que botar o freo de novo. A ver se a partir de maio podemos retomalo".

A pandemia afectoulle bastante ao grupo, que aproveitou para traballar en temas novos, pero que tivo que duplicar esforzos económicos e persoais para seguir adiante. "Pensa que o anterior EP sacámolo en pleno confinamento, así que non se puido nin presentar. Tampouco puidemos celebrar o décimo aniversario, que cumprimos o ano pasado. Todo se foi aprazando", conta a artista. "Algún grupo da nosa contorna quedou polo camiño e non é de estrañar porque facilidades por parte das administracións, por exemplo, non houbo ningunha".

SABEN DO QUE FALAN. Eles perderon o seu lugar habitual de ensaio, "os locais de VigoSónico, que pecharon e xa non volveron abrir". Grupos como Liska! tiveron que buscar pola súa conta un espazo alternativo no que traballar e custealo do seu peto. "E non todo o mundo pode facer iso".