Pontevedra consolídase como cidade lorquiana organizando a quinta semana de actividades arredor do poeta, unha iniciativa coordinada polo colectivo Polo Correo do Vento en colaboración co Museo e que terá lugar entre o 14 e o 18 de novembro. A programación inclúe un concerto ilustrado, unha andaina e visitas concertadas con centros escolares.
As propostas, todas de carácter gratuíto, comezan o mércores 15 de novembro (19.00 horas) no Edificio Castelao do Museo, onde terá lugar o concerto ilustrado Federico García Lorca, poeta galego. Trátase dun espectáculo, dirixido a público adulto, no que se fai un percorrido pola obra e a estadía galega de Federico García Lorca. A actuación corre a cargo de Marcelo Dobode, Víctor Movilla, Tania Solla, Antón Ke e Polo Correo do Vento.
O sábado 18 de novembro (12.00 horas), do mesmo Edificio Castelao sairá un percorrido guiado. Titúlase Federico Garíca Lorca en Pontevedra e pasa polos lugares que o poeta visitou na cidade en 1932, cando estivo, primeiro, en agosto co seu grupo de teatro La Barraca e, despois, en novembro tras ser invitado polos responsables da revista Cristal, para os que deixou escrito o poema "Yo sé que mi perfil será tranquilo". Para participar é preciso inscribirse no enderezo [email protected].
A maiores, segundo informa o Museo, durante toda a semana, do 14 ao 17 de novembro, "realizaranse sesións orais para escolares de centros de Pontevedra con narracións para público infantil nas que se relaciona a presenza de García Lorca cos fondos do Museo de Pontevedra".