Dende cine a unha performance de Reixa no Museo de Pontevedra

Reixa, en primeiro termo, na presentación dos actos do Museo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Reixa, en primeiro termo, na presentación dos actos do Museo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Museo afiánzase como un dos escenarios do festival Cantos na Maré (cantosnamare.com). Na edición deste ano, segundo se anunciou onte, o Sexto Edificio acollerá ata nove actividades. Todas, de balde.

Entre elas hai tres propostas dirixidas ao público familiar: un espectáculo de Vero Rilo e Faia Díaz (venres 13), un de Magín Blanco (sábado 14) e unha serie de obradoiros infantiles (domingo 15). A estas tres actividades, súmanse outras seis dirixidas ao público adulto. Entre elas están as proxeccións cinematográficas que se agruparon en CineMaré: Ruth, de António Pinhao Botelho, que se estrea en Galicia e que recolle a historia do futbolista Eusébio, e Onde estás Joao Gilberto?, un documental de Georges Gachot. Poderanse ver o venres 13 e o sábado 14 respectivamente. A maiores haberá dous roteiros: un polo Museo que rematará cun concerto de Brais González (14) e outro pola cidade conducido por Xurxo Souto, que comezará nas Ruínas de San Domingos e rematará no Sexto Edificio (15). Finalmente, da programación do Museo tamén forman parte un recital poético, con Rosalía Fernández Rial, Lucía Aldao e Lois Pérez (14) e unha performance de Antón Reixa (15).

Precisamente, Reixa participou na presentación das propostas do Museo, xunto ao director da institución, José Manuel Rey; o director de Cantos na Maré, Fran Rivera; o director da Agadic, Jacobo Sutil, e a concelleira de Cultura, Carme Fouces. Segundo explicou o artista, a súa performance, Melancholemia, ficciona a biografía dun personaxe a través dunha serie de acontecementos reais "escollidos da prensa de xeito caótico e perverso". Reixa contou que incluía na proposta unha anécdota real que lle acontecera en Pontevedra había 40 anos, á saída dun after, cando un borracho se lle achegou e lle preguntou: cando lle fas unha foto a un cadáver e sae movida, de quen é a culpa, do fotógrafo ou do cadáver?".

Comentarios