A Deputación celebrará o 8-M ao longo de todo o mes con máis de 25 iniciativas

Intervencións artísticas, exposicións, premios e conferencias forman parte da programación da institución provincial ▶ Carmen Quinteiro, Su Garrido e Sheila Patricia protagonizarán o acto central do Día da Muller en Pontevedra
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. JAVIER CERVAR-MERCADILLO
photo_camera A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva. JAVIER CERVAR-MERCADILLO

Máis de 25 iniciativas, entre exposicións, intervencións artísticas, premios e conferencias, forman parte da programación que a Deputación de Pontevedra desenvolverá arredor do 8 de marzo (8M), Día da Muller. "Celebramos o 25N e o 8M, pero sabemos que hai que traballar os 365 días do ano sen deternos nin un minuto nin un segundo", dixo a presidenta do organismo provincial, Carmela Silva, este mércores, no acto de presentación da programación, que incluíu unha actuación musical de A Riso e Lidia Aldao. "Todo llo debemos ao movemento feminista. Nós o que facemos é sumarnos a el desde o ámbito dunha institución pública. Reivindico que a axenda feminista estea no centro. E dígoo con claridade: eu non a vexo".

A presidenta enumerou, ante representantes de diferentes colectivos de mulleres, as accións máis importantes da programación da Deputación, que se desenvolverá baixo o lema A nosa voz, o noso espazo, os nosos dereitos e que deu comezo o pasado 24 de febreiro coa lectura do manifesto oficial do 8M no Pleno Provincial. A autora do texto é a maxistrada do Tribunal Constitucional María Luisa Balaguer.

Reivindico que a axenda feminista estea no centro. E dígoo con claridade: eu non a vexo

Agora, a instalación das pancartas reivindicativas do 8M, que se realizará este venres, no Pazo Provincial e na sede de Vigo, marca o inicio das actividades do mes de marzo. Segundo contou Silva, as propostas estrutúranse arredor de distintas alianzas con sectores da política, a empresa, os medios de comunicación, a educación, a investigación e a creatividade. 

Os actos centrais da programación terán lugar o propio 8 de marzo. En Pontevedra serán no Pazo Provincial (11.00 horas), onde a mestra, escritora e artista Carmen Quinteiro, coas músicas Su Garrido e Sheila Patricia, protagonizará unha peza titulada Alguén aquí?. Segundo contou Carmela Silva, a acción, entre outras cousas, inclúe unha instalación de cintas de baliza na porta central do Pazo Provincial, a través das que se apela a "estar alerta". "Agardamos que sexa un golpe que sirva para que toda a sociedade reflexione".

En Vigo inauguraranse dúas exposicións: unha de Puri Díaz (A muller da miña vida) na sala Rosalía de Castro e outra de Ofelia Cardo (Dar alento) na sala Maruja Mallo. Antes (17.00 horas) terá lugar acción titulada 2,2 quilómetros de alento, a cargo das artistas Andrea Mosquera e María Roja. 

No ámbito da creatividade, Deputación presentou no acto de onte unhas mochilas ilustradas polas artistas Alba Casanova, La Platanera e Heyjuddy. Segundo se anunciou, distribuiranse 4.500 unidades.

Enmarcados no desenvolvemento da iniciativa bautizada como Manifesto de Soutomaior, o 14 de marzo entregaranse os premios Cambiemos o conto, dirixidos a alumnado de Secundaria; lanzarase a convocatoria dos premios literarios Hai unha voz, dirixido a escritoras e profesionais no ámbito da literatura galega, e presentarase, o 21 de marzo, o libro Ti non sabes o que é ser escritora realizado por autoras asinantes do citado manifesto, que neste caso acompañan os seus textos de obras de diferentes ilustradoras.

A maiores, a Deputación lanzará a terceira edición dos premios Mulleres no Foco, o programa Conectadas, o roteiro Elas, produtoras executivas, o programa Mulleres Extramuros (no lugar de Vide, As Neves) e o o proxecto Oh, rosas vivas, no que participan o grupo de música antiga Gallaecia Ensemble Barroco, o muralista Yoseba Murazábal, a poeta María Lado e a creadora visual Laura Iturralde, e que ten por obxectivo pór en valor a figura de compositoras dos séculos XVII e XVIII.

Por outra banda, impulsaranse varias actividades da Escola de Igualdade María Vinyals e presentarase o programa Precursoras da sustentabilidade, que quere recuperar, a través dun videoxogo, a memoria de 40 mulleres que contribuíron cos seus coñecementos á sostibilidade do planeta. A programación completa da Deputación de Pontevedra arredor do 8M pode consultarse aquí.
 

Comentarios