Xosé Manuel Rey foi cesado onte como director do Museo de Pontevedra. A Deputación Provincial informou da destitución ao tempo que daba a coñecer quen o substituirá unha vez que sexa efectivo, o vindeiro 1 de outubro. Será a conservadora e investigadora Ángeles Tilve, que leva 36 anos na institución museística e que se converterá na primeira muller que a dirixe.
A decisión do vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, do Partido Popular (PP) desatou unha treboada política de ámbito local. Tanto o Bloque Nacionalista Galegao (BNG) como o Partido Socialista (PSOE) criticaron duramente o cese de Rey ao non deberse a criterios técnicos. O propio Domínguez recoñeceu que así era e agradeceu o traballo e profesionalidade ao director saínte. "Simplemente es una cuestión de confianza y de visión de futuro", sinaloulle este mércores o vicepresidente aos medios.
Rafa Domínguez: El cambio de dirección es una cuestión de confianza y de visión de futuro
Sobre o equipo de persoas que acompañaron a Rey durante o desenvolvemento do seu proxecto estes últimos catro anos, Domínguez non quixo entrar a valorar cal sería o seu futuro inmediato. "Non é unha cuestión de persoas, senón de visión global". A xefa de xestión administrativa do Museo dende 2019, Sonia Mateos, confirmoulle onte a este periódico que presentara a súa renuncia tras o cese do director. Ao tempo pediu á reincorporación á que era a súa praza: a de xefa de xestión no Servizo de Infraestruturas e Mobilidade da Deputación. "Simplemente formaba parte do equipo que sacou adiante este proxecto, co que me sentía plenamente identificada e non penso que fose sentirme cómoda nesta nova etapa", explicaba. "Iníciase un novo período e o lóxico é que pase a desenvolvelo xente nova".
O vicepresidente tamén revelou onte que aínda non se reunira co actual Consello Asesor do Museo e lembrou que tocaba renovalo en decembro. "Dende logo, despois de catro anos, hai que falar dunha renovación. Máis profunda ou menos profunda, pero hai que renovarse".
César Mosquera: O PP sempre tivo alerxia a que o Museo tivese unha dirección profesional e independente. Sempre foi máis de nomear a dedo
Carlos Font: Isto é unha purga ideolóxica ordenada por Rueda, un intento de volver converter o Museo nun chiringuito do PP
Detrás da convocatoria da que saíu a designación de Xosé Manuel Rey estivo no seu día o nacionalista César Mosquera, que este mércores criticaba a decisión do novo Goberno. "O PP sempre tivo alerxia a que o Museo tivese unha dirección profesional e independente", sinalou. "Sempre foi máis de nomear a dedo. Parece que volvemos aos anos 40. Todos os museos que non son chiringos abren convocatorias ás que presentar proxectos, que foi o que nós fixemos. Pero este é o espírito destroyer de Domínguez. Eu estou francamente preocupado". Na mesma liña se pronunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
Pola banda do PSOE, Carlos Font, referiuse á destitución de Rey como "unha purga ideolóxica ordenada por Alfonso Rueda" e como "un intento de volver converter o Museo nun chiringuito do PP".

"Teño claro que foi un cesamento político"
"Estaba convencido de que esta decisión ía chegar", confesabaeste mércores Xosé Manuel Rey (Pontevedra, 1964). "Pero teño claro que non é unha decisión técnica senón un cesamento político. Porque o traballo realizado nestes catro anos foi verdadeiramente extraordinario e inxente, dunha enorme calidade. Neste sentido quero manifestar o meu profundo agradecemento aos grandísimos profesionais do Museo de Pontevedra. Estou convencido de que a maioría lamenta esta decisión".
Tras ser cesado como director do Museo de Pontevedra, Rey ten previsto reincorporarse agora á súa praza no Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia. Á dirección do ente museístico pontevedrés, onde el precisamente comezara a súa carreira como bolseiro en 1988, chegou tras gañar co seu proxecto un concurso aberto polo Goberno bipartito en 2019. "Lamento que se tomara esta decisión. Enténdoa, porque eu son un servidor público que leva case 30 anos traballando na Administración, pero obviamente non a comparto", explica. "De feito, aínda non teño claro cal é a razón do meu cesamento. O pouco que se me transmitíu ten relación con Santa Clara e a miña implicación nun proxecto que o novo Goberno vai a modificar. Pero, como che dicía, eu son un servidor público e teño traballado con gobernos de moi distintas cores poñendo sempre por diante a función pública". Neste caso, ao director saínte non se lle deu opción.
É certo que con total seguridade non vou compartir o proxecto que van presentar así que, dalguna forma, quizais é o mellor que se me desvincule agora
"De calquera maneira, é certo que con total seguridade non vou compartir o proxecto que van presentar así que, dalguna forma, quizais é o mellor que se me desvincule agora. Santa Clara é unha oportunidade extraordinaria e estaba moi ben encamiñada. Como pontevedrés voume con certa inquedanza porque non sei se, ao final, sacaremos todo o potencial dese espazo". O proxecto de Rey e do seu equipo era que o antigo convento servira para expoñer fondos arqueolóxicos (algúns deles en condicións reiteradamente denunciadas polos especialistas), ademais de pinturas e esculturas dos fondos que permanecen nos depósitos do Museo.
"Ao longo destes catro anos desenvolvín o que presentei no proxecto co que gañei o concurso público: dez liñas estratéxicas e 35 accións. O 90% foi executado", di o xa exdirector. "Presentei un proxecto a cinco anos, pero a miña idea obviamente era continuar e completar na súa integridade o que tiña na cabeza". Con Rey e o seu equipo á fronte, o Museo, entre outras cousas, desenvolveou un proceso de estabilización profesional e traballou na incorporación das novas tecnoloxías.
A primeira muller á fronte do Museo
A pontevedresa Ángeles Tilve (Pontevedra, 1961) converterase o vindeiro 1 de outubro na primeira muller que dirixirá o Museo de Pontevedra "co obxectivo de renovalo e impulsar a súa innovación, adaptación e modernización", segundo sinalaba a Deputación na nota na que se informaba do seu nomeamento tras o cese de Xosé Manuel Rey. A actual conservadora de fondos xerais e responsable da área de coleccións, investigadora de longa traxectoria, traballa dende hai 36 anos na institución. É unha das 49 empregadas do ente museístico (fronte a 25 empregados). Segundo ela mesma comunicou este mércores, non fará declaracións públicas ata ocupar oficialmente o seu novo cargo.
No va a estar ahí por el hecho de ser mujer sino por sus méritos, que tienen que ver con llevar más de 35 años trabajando en el Museo y con conocer sus entrañas
"Una entidad con casi 100 años de historia va a tener al frente por primera vez a una mujer, una mujer que no está ahí por el hecho de ser mujer sino que está ahí por sus méritos, que tienen que ver con llevar más de 35 años trabajando en el Museo y que tienen que ver con conocer sus entrañas", dicíalle Rafa Domínguez aos medios sobre a súa designación. "Tiene una capacidad de trabajo muy importante y una visión de futuro muy similar a la que tenemos en la Deputación, que no es otra que la de convertir el Museo en una referencia internacional e internacional", remataba.
Entre outras cousas, o organismo provincial destaca que o seu nomeamento representa "un paso significativo cara a modernización da institución" e que terá a encomenda de avanzar "na dixitalización e a incorporación das novas tecnoloxías ao Museo".
O seu nomeamento representa un paso significativo cara a modernización da institución
Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, Ángeles Tilve conta cunha longa traxectoria como investigadora. "Aínda que os seus textos e intervencións cobren un amplo abano de temas, Tilve é recoñecida polos seus coñecementos sobre pintura galega e española dos séculos XIX e XX", destacaba a Deputación Provincial.
Entrou no Museo de Pontevedra como bolseira no ano 1987 e foi comisaria de varias exposicións, a última Castelao en Europa. A viaxe de 1921. Tamén ten realizado labores de documentación, coordinación, secretaría e asistencia técnica en máis de medio cento de exposicións temporais, así como a coordinación de diversas publicacións. No ano 2016 foi a persoa que, xunto a José Manuel Castaño, descubriu na casa da familia Domínguez Lino os orixinais do álbum Nós, de Castelao, que ata ese momento se consideraban desaparecidos e que posteriormente acabou adquirindo o Museo.