A Deputación comprométese a abrir liñas de traballo coa Fundación Castelao

Rafa Domínguez subliña o papel destacado que podería xogar o Museo de Pontevedra na colaboración
Miguel Anxo Seixas, Uqui Permui e Rafa Domínguez (de esquerda a dereita) na xuntanza que mantiveron no Pazo Provincial de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
photo_camera Miguel Anxo Seixas, Uqui Permui e Rafa Domínguez (de esquerda a dereita) na xuntanza que mantiveron no Pazo Provincial de Pontevedra. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

"O obxectivo da nosa institución é enxalzar e dar a coñecer a figura e a obra de Castelao. Neste sentido o papel que pode xogar un espazo como o Museo de Pontevedra é evidente. Polo tanto aledámonos da boa acollida que tivemos na Deputación e apostamos por todo o que sexa sumar esforzos". O presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, vén de manter esta semana un encontro, acompañado por Uqui Permui, membro da executiva da fundación compostelá, co vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez. Del saíu o compromiso de abrir liñas de traballo conxuntos.

A xuntanza estaba enmarcada  na serie de reunións con colectivos sociais e culturais que Domínguez está a manter como novo responsable de Memoria Democrática da Deputación. Segundo indicou a institución provincial, esta era a primeira vez que a comisión executiva da entidade, nomeada en outubro de 2022, era recibida no organismo pontevedrés.

Imos utilizar o Museo de Pontevedra, o museo de Castelao por excelencia, para poder colaborar nun futuro moi próximo

"En realidade nós xa tiveramos un primeiro contacto co anterior Goberno provincial, pero foi xusto antes das eleccións e finalmente non chegamos a reunirnos", explica Seixas. "A Fundación Castelao reformou os seus estatutos a finais do ano pasado e a partir de aí foi cando empezamos a programar xuntanzas con representantes de institucións políticas autonómicas, provinciais e locais. Como coincidiu coa convocatoria de comicios municipais, finalmente aprazamos a maioría delas ata despois de que se celebrasen". 

Neste caso concreto, a reunión coa Deputación de Pontevedra xestouse nun primeiro encontro co seu presidente, Luis López, na misa na honra de Rosalía de Castro en Santiago o 25 de xullo e nun segundo co vicepresidente, Rafa Domínguez, no Día da Galiza Mártir en Poio o 17 de agosto.

Segundo a Deputación, Domínguez, Seixas e Permui trataron a posibilidade de establecer futuras liñas de colaboración e de traballo conxunto. Nesas accións, o Museo de Pontevedra podería xogar un papel relevante.

"Teño que dicir que para min foi un privilexio manter unha reunión coa Fundación Castelao", explicou Domínguez en palabras facilitadas pola Deputación. "Imos abrir vías de colaboración continuas, vías de coñecemento mutuo e imos utilizar o Museo de Pontevedra, o museo de Castelao por excelencia, para poder colaborar nun futuro moi próximo".

Comentarios