A Deputación enche a provincia de lecer

Este fin de semana haberá unha extensa oferta de actividades e actuacións musicais na provincia
Sidecars, un dos artistas do Vive Nigrán, nun concerto. ARQUIVO
photo_camera Sidecars, un dos artistas do Vive Nigrán, nun concerto. ARQUIVO

A Deputación de Pontevedra continúa coa súa programación para “aviventar” a cultura e ofrece desde o xoves e durante toda a fin de semana unha ampla proposta cultural e deportiva por toda a xeografía da provincia. Os programas Música no Ar, Musigal, Tras as Ameas, Bosques Terapéuticos, DepoAndainas e Verán deportivo, amais da estrea dos Rías Baixas Fest en Nigrán e Vilagarcía, achegarán durante catro días un total de 20 actuacións musicais, 1 espectáculo de maxia, 3 rutas polos bosques, 1 andaina e 2 competicións deportivas. Por outra banda, a Deputación estará tamén presente cun stand na Feira do Libro de Ponteareas, na que participarán máis de 24 autores e autoras.

No terreo musical chegan os Rías Baixas Fest coa estrea de Vive Nigrán (ata o sábado), con 8 concertos e recoñecidos/as artistas como Sidecars, Locoplaya ou Shineva, e o Atlantic Fest en Vilagarcía (ata o 24 de xullo) con León Benavente, Depedro ou Sidonie, entre outros. Amais, Música no Ar chega este venres a Tui coa actuación de Ana Belén Rodríguez Trío (con Ana Belén ao piano, Noelia Álvarez á voz e Kiri Cabaleiro á gaita, frauta e percusión) e o sábado a Pontecesures, con Vertixe Sonora interpretando No solpor e despois.

Musigal ofrece tamén unha interesante oferta musical este sábado cos concertos de Guadi Galego en Salceda de Caselas, Herdeiros da Crus en Bueu e Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre en Meaño e o domingo en Valga con Roi Casal.

Pola súa banda, Tras as Ameas encheu de maxia o xoves o Castelo de Soutomaior co espectáculo O castelo máxico, do ilusionista pontevedrés Pedro Volta.

A Deputación de Pontevedra estará presente de igual maneira na cuarta e última Feira do Libro da provincia, que terá lugar ata o 18 de xullo na Praza Maior de Ponteareas. Esta cita contará coa participación de 24 autores/ as para a presentación e sinatura de libros.

A institución provincial terá presenza física cun stand no que estarán expostos (mais non á venda) os títulos Tes 5 minutos #1, María Vinyals. A muller do provir, Galaicos. Un pobo entre dous mundos e O Castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias e se dará a coñecer de xeito audiovisual a programación que está a desenvolver ao longo de todo o ano no campo da cultura.

Por último, no eido do deporte, a Deputación oferta un total de 5 actividades. O domingo 18 será a quenda da primeira das DepoAndainas 2021, que transcorrerá pola Vía Verde que une os concellos de Caldas de Reis, Portas e Vilagarcía. Será unha ruta circular de dificultade baixa e 13 quilómetros de distancia. Polo seu lado, Bosques Terapéuticos ofrece tres novas experiencias.

A primeira terá lugar o venres en Vigo pola ruta Arco da Vella en Bembrive, a segunda o sábado en Meis coa Ruta da Pedra e da Auga, un sendeiro de 1,4 quilómetros no que se visitarán máis de 30 muíños; e xa o domingo o Bosque da Picaraña, en Ponteareas, unha ruta dun quilómetro na que se visitarán máis de 20 penedos. Finalmente, dentro do Verán Deportivo patrocinado pola Deputación, disputaranse en Sanxenxo a competición de tenis praia o sábado e a de futvolei o domingo.

Comentarios