A Deputación lanza un potente programa de cultura e igualdade para despedir marzo

► Entre o 21 e o 27 celebrará os días da Poesía e do Teatro, ademais do espectáculo 'Oh, rosas vivas!', e presentará o programa 'Precursoras da sustentabilidade' e o libro 'Ti non sabes o que é ser escritora' escrito polas asinantes do Manifesto de Soutomaior

Carmela Silva, en conferencia de prensa. EUROPA PRESS
photo_camera Carmela Silva. DP

A Deputación presentou este venres unha potente programación para "encher de igualdade e cultura" a recta final de marzo na provincia de Pontevedra. Entre os días 21 e 27 a institución celebrará dúas efemérides sinaladas, así como outras accións enmarcadas na programación do 8M: a presentación do libro ‘Ti non sabes o que é ser escritora’, o tiro de saída do programa ‘Precursoras de sustentabilidade’ e o espectáculo ‘Oh Rosas Vivas!’.

As actividades arrancarán o próximo martes 21 coa celebración do Día da Poesía. Pola mañá haberá un acto na sede de Vigo baixo o lema ‘Poesía cos pés na terra!’, e será unha celebración desde o punto de vista da accesibilidade e a inclusión que contará coa colaboración da Asociación de Familias con Parálise Cerebral (APAMP). A acción consistirá nunha lectura compartida a cargo, por unha banda, de Ismael Ramos, Andrea Valle e Ana Fontenla, e pola outra, cinco autores e autoras de poesía con discapacidade e usuarias de APAMP alzarán as súas voces para compartir versos da súa autoría: Pilar Álvarez Torrent, José Varela Lago, Fátima Domínguez, Sergio González e Álvaro Villa. Sumaráselles a música do guitarrista cego Pablo Galiñanes e as ilustracións de Nana. O acto contará con intérprete en lingua de signos grazas a XOGA.

Ese mesmo día ás 19.00 horas, o Pazo da Deputación en Pontevedra acollerá a presentación do libro ‘Ti non sabes o que é ser escritora’ editado pola institución provincial ao abeiro do Manifesto de Soutomaior. Trátase dun volume que recolle 10 textos literarios inéditos escritos por asinantes do Manifesto como Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega, acompañados de ilustracións realizadas por Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel. 

As actividades continuarán o mércores 22, tamén no Pazo provincial, coa presentación, ás 11.30 horas, do programa ‘Precursoras da sustentabilidade’. Este proxecto dálle visibilidade a 40 mulleres de todo o mundo (do pasado e do presente) que contribuíron cos seus coñecementos científicos e co seu activismo á sostibilidade do planeta. No marco do programa elaborarase un libro coas súas biografías e un videoxogo para chegar á xente moza.

O venres 24 ás 20.00 horas, a Deputación acollerá o espectáculo ‘Oh, Rosas Vivas!’. Dirixido pola violinista María José Pámpano, será unha viaxe narrada polas vidas de compositoras dos séculos XVII e XVIII pioneiras na profesionalización da muller no eido musical, pero "silenciadas e esquecidas polo paso do tempo", como lamentou Carmela Silva. No espectáculo intervirán o grupo Gallaecia Ensemble Barroco, o muralista Yoseba Murazábal, a poeta María Lado e a creadora visual Laura Iturralde.

A Deputación sumarase un ano máis á celebración do Día Mundial do Teatro o vindeiro día 27 con actividades en Pontevedra e Vigo. Na cidade olívica, as accións adiantaranse cun acto o venres 24 que comezará coa presentación do libro ‘Alma e Corazón, unha aventura multicolor’, escrito por Ledicia Costas e ilustrado por Blanca Millán, cunha personaxe creada poa estudante Iria Portabales.

A celebración en Pontevedra será o propio día 27 ás 17.30 horas cunha dobre proposta. Arrancará co espectáculo de animación na rúa ‘A Danza dos paxaros’ a cargo de Can Cun Quinqué, con saída na Praza da Ferrería e fin no exterior do Pazo provincial. Alí celebrarase a función ‘O vendedor de fume’ da compañía Teatro Ghazafelhos para público familiar e infantil a partir de 4 anos. Para asistir cómpre confirmar asistencia en [email protected]

Comentarios