Lunes. 19.11.2018 |
El tiempo
Lunes. 19.11.2018
El tiempo

A Deputación multiplica por catro a súa achega económica ao Culturgal

Xosé Leal, este xoves, xunto a Manuel Bragado e Xosé Manuel Aldea
Xosé Leal, este xoves, xunto a Manuel Bragado e Xosé Manuel Aldea
O ente provincial subvencionará a Feira das Industrias Culturais con 8.000 euros

A Deputación de Pontevedra realizará unha achega de 8.000 euros á Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se celebra anualmente na cidade do Lérez e que o ano pasado reuniu a máis de 14.000 persoas. Así o anunciou este xoves o deputado provincial da área de Cultura, Xosé Leal, tras manter unha xuntanza durante a mañá co presidente da directiva de Culturgal, Manuel Bragado, e o director da feira, Xosé Manuel Aldea.

O apoio económico que viña prestando a Deputación ao evento era considerablemente menor, de xeito que na anterior edición a achega limitouse a 2.000 euros, catro veces menos da cantidade coa que se comprometeu a contribuír Xosé Leal. Ademais deste incremento da axuda directa, a Deputación tamén anunciou que manterá outras colaboracións como a produción da exposición da feira, que nesta ocasión levará o nome de ‘Arte e Arquitectura’. Do mesmo xeito, o ente provincial farase cargo da impresión da cartelaría do evento. Así, Leal calcula que o conxunto de todas estas colaboracións supón unha suma de 17.000 euros, entre achegas directas e indirectas.

STAND PROPIO. Unha das novidades desta edición consiste na instalación dun stand propio para a Deputación dentro da feira e que estará a disposición dos concellos da provincia para que difundan a súa oferta cultural.

Xosé Leal quixo amosar con estas medidas o seu apoio á cultura en xeral a este evento en particular "pola influencia que ten máis aló da provincia de Pontevedra, e tamén polo que supón de modelo consolidado para a difusión a nivel de industrias e outras iniciativas culturais".

O deputado lamentou "que a cultura sempre sexa a gran damnificada cando hai recesión económica". Por iso salientou a importancia das axudas económicas por parte das institucións, ademais da participación activa dos concellos en eventos como o Culturgal. Neste sentido, o encargado da área de Cultura da Deputación de Pontevedra explicou que se porá en contacto con todos os concellos da provincia para informalos da posibilidade de amosar a súa riqueza cultural no stand da Deputación durante a Feira das Industrias Culturais de Galicia, os días 4,5 e 6 de decembro.

A Deputación multiplica por catro a súa achega económica ao Culturgal
Comentarios