A Deputación Provincial ten previsto ofrecerlle este venres ao Ateneo de Pontevedra un espazo no Museo, durante unha reunión que manterán o vicepresidente da institución, Rafa Domínguez, e dous representantes do colectivo, Xaime Toxo e Antón Sobral.
O Ateneo ocupaba dende 2019 un dos 29 locais destinados ao uso de asociacións e colectivos da cidade que a Xunta de Galicia ten no seu Edificio Administrativo da rúa Benito Corbal. Na actualización que se fixo este ano dos inquilinos deses espazos, a puntuación que recibiu por parte da comisión avaliadora deixouno fóra. Si que conseguiron algún dos despachos a Peña da Boina, a Asociación A Mochila da Luz dos Camiños de Santiago, a cofradía Nuestra Señora del Refugio La Divina Peregrina ou a fundación antiabortista Redmadre.
A Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra defendeu daquela a independencia dos técnicos que fixeran a avaliación e o feito de que a puntuación que recibían os diferentes colectivos estaba baseada nuns baremos públicos. Ao mesmo tempo lembrou que esa puntuación se realizaba en base ao informe que debían presentar os aspirantes a facerse cun dos espazos.
O Ateneo de Pontevedra, que foi fundado en 1965, entregou as chaves do seu local o día 31 de agosto nun acto aberto ao público con distintas intervencións.
A entidade está pendente de que se resolvan as alegacións que presentou sobre o seu caso.
Doutra banda, o PSOE presentará unha moción no pleno municipal do luns 25 de setembro coa intención de que todos os partidos políticos se posicionen ante a perda do local por parte do Ateneo.