'A derradeira lección do mestre' emprende a viaxe a Galicia 73 anos despois

O óleo pintado por Castelao en Arxentina en 1945 será a obra estrela da exposición ‘Galicia maxistral’, que se verá no Gaiás a finais de ano 

 

José María Vila Alén (esquerda) e Román Rodríguez, tras firmar o convenio este venres en Santiago. XOÁN REY (EFE)
photo_camera José María Vila Alén (esquerda) e Román Rodríguez, tras firmar o convenio este venres en Santiago. XOÁN REY (EFE)

A faceta de Castelao como "mestre" de disciplinas e a súa influencia no mundo docente centrarán a exposición que, desde o último trimestre deste ano ocupará en Museo Centro Gaiás de Santiago e que protagonizará o cadro A derradeira lección do mestre, que sairá por primeira vez de Arxentina, a "Galicia de sentimento", para visitar a "Galicia territorial" con motivo desta mostra. 

Representantes da Xunta, xunto con membros do Centro Galicia de Bos Aires, que custodia a peza, asinaron este venres en Santiago o convenio para a materialización desta histórica cesión, un acto no que participaron como testemuñas o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e o responsable do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. 

Pintada en 1945, Castelao realizou A derradeira lección do mestre en Bos Aires, baseándose na estampa número 6 do libro Galicia Mártir, na que retrata un mestre asasinado ante dous mozos conmocionados. 

A peza, que custodia o Centro Galicia e que nunca saíu de Arxentina, é unha peza cume na obra de Castelao, tanto polo seu simbolismo político como a contorna cultural da emigración na que foi pintada. 

No último trimestre do ano, este "simbólico" cadro viaxará a Galicia para formar parte dunha exposición que o Museo da Cidade da Cultura acollerá durante un catro meses e que tratará de pór en valor o mundo de Castelao "mestre" e a súa creación "vinculada ao mundo educativo".

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, dixo que a mostra, Galicia Maxistral, comisariada por Miguel Anxo Seixas, lembrará que Castelao "foi mestre en moitísimas facetas" da súa vida, e tivo, así mesmo, unha "gran importancia no mundo da educación". Este ámbito súmase á presenza en Galicia dunha obra cun "valor simbólico fundamental" para os galegos.

COLABORACIÓN ENTRE "DÚAS GALICIAS". Durante o acto, Víctor Freixanes destacou o valor de A derradeira lección do mestre como "luz que aluma a memoria histórica de Galicia" e que dá testemuño da "historia da cultura galega exterior". 

"Bos Aires foi durante moito tempo a capital cultural de Galicia", lembrou Víctor Freixanes, que agradeceu aos galegos na diáspora o manter "a cultura e a dignidade" da rexión durante ese período e eloxiou este acordo, que supón unha "colaboración entre as dúas Galicias". 

Do mesmo xeito, Ramón Villares destacou a "posta en común" dun "patrimonio" propio a través dunha "obra singular" como esta, que representa "un drama humano e intelectual".

CEDIDA POR CATRO MESES. A cesión desta peza, dixo Román Rodríguez, durará en torno catro meses, momento no cal "volverá ao lugar no que foi creada, Bos Aires". 

"Este cadro é do Centro Galicia, foi pintado en Bos Aires e forma parte do valor sentimental e do agarimo que os galegos en Arxentina teñen á súa terra", dixo o conselleiro, que garantiu que a Xunta non se plantexa pedir o depósito do cadro en Galicia porque "foi pensado e creado" en Arxentina e "é da súa propiedade". 

A maiores, indicou, o Centro Galicia en Bos Aires "é Galicia, aínda que estea a 10.000 quilómetros de distancia". 

Comentarios