Diana Toucedo, cineasta

"Galicia é unha canteira de cineastas honestos"

Co seu filme 'Trinta lumes levou O Courel á Berlinale e ao Festival de Cine de Málaga. Nunhas semanas estará en San Sebastián

Diana Toucedo. CEDIDA - 2Naceu en Redondela, vive e traballa en Barcelona e escolleu os trinta fogares dunha aldea do Courel para facer unha película. Diana Toucedo (1982) amosa nun filme que transita entre o real e o máxico a vida na montaña. Trinta lumes foi seleccionada para ser proxectada na sección Made in Spain do Festival de San Sebastián, que busca dar difusión internacional a películas feitas en España. Na mesma sección amosaranse filmes doutros directores como Isabel Coixet, Álex de la Iglesia, Ramón Salazar y David Trueba.

Amosou Trinta lumes na Berlinale, no Festival de Cine de Málaga e agora vai ao Festival de San Sebastián. Como reacciona o público á pelicula fóra de Galicia?

Sempre moi ben. Teñen a sensación de descubrir de súpeto unhas paisaxes que son moi sedutoras, dende o que amosan pero tamén dende todo aquilo que non é visible dun xeito evidente. Ademais, tamén causa moita fascinación chegar a entender que pode haber unha forma de ver o mundo moito máis máxica, apegada ás lendas e ás tradicións. Coa posibilidade de que sempre poida haber un halo de misterio máis alá do que entendemos e percibimos. É como o misterio da vida e da morte, que causa moita fascinación.

É unha forma de chamar a atención sobre o que están perdendo as xeracións que medran nas cidades, lonxe da conexión coa terra e as tradicións?

Moitas veces pode verse así, pero tamén desde o mesmo rural non estamos tan abertos ou conectados a todo iso que acontece e que segue a estar aí, como as tradicións. Por un lado, é un chamamento a que poidamos reflexionar e conectarnos un pouco máis coa terra porque a forza da vida pode amosarnos moitas cousas que agora ignoramos.

Por outro lado, poderiase dicir que é un filme crítico co despoboamento do rural e a carencia de servizos nas aldeas?

Esa crítica está implícita. Gústanme esas películas nas que creas un espazo para o espectador e el ou ela pode ser incluso máis crítico que a mirada do propio director. Gústame capturar todas esas cousas que están aí, amosalas e, polo simple feito de facelo, xerar unha mirada crítica sobre elas. A realidade é que O Courel ten unha falta de servizos que tamén acontece en moitas partes do rural galego e do rural español. Simplemente poñer a cámara aí é unha forma de visibilizar certas realidades que temos ao noso carón e ás que non lles damos o sentido crítico que deberiamos.

Escolleu a figura de dous nenos para protagonizar o filme, pero os protagonistas son os habitantes deses 30 fogares que había na aldea por aquel entón. Mantén o contacto con eles?

Si, moito. Para min, facer unha película implica ampliar a miña familia. En certa medida, cando son procesos longos nos que compartes moitas cousas coa xente coa que fas a película -no meu caso foron cinco anos-, sinto que todos eles son parte da miña familia cinematográfica. Ademais, temos a sorte de estar facendo esta ruta de promoción da película porque nos permite que Alba e Samuel, os protagonistas, puideran vir a Málaga, a Berlín e agora a San Sebastián. É un xeito de compartir e devolverlles todo o que eles me adicaron a min.

Como recibe a xente que participou na película o feito de que se estea vendo en tantos lugares?

Están sorprendidos e abrumados. Aínda temos pendente o pase no Courel. Iamos facelo en agosto pero retrasarémolo ata novembro, que é unha data moi bonita porque por esa altura do ano comezamos a rodar alí. Sería unha forma de pechar un ciclo. Apetéceme moito amosala alí. Cando fixemos o pase de apertura do Festival de Ourense, que foi un work in progress, amosouse a película sen rematar e moita da xente que sae nela puido vir a mirala. Dixéronme algo moi bonito que era que se recoñecían no filme. Iso para min foi moi importante porque moitas veces, cando te achegas a unha comunidade cunha cámara acabas alterando a súa realidade. Eu quería falar dende un lugar moi próximo a eles, moi íntimo, moi natural, para que eles se recoñecesen no que estaban a ver. Que o fixesen foi para min un regalo.

Vostede forma parte do Novo Cinema Galego pero vive e traballa en Barcelona. Hai que saír de Galicia para facer carreira no mundo do cine?

Non é doado facer carreira cinematográfica en Galicia, pero hoxe en día é difícil en todos os lugares de España. A min estar en Barcelona facilitoume a formación porque en Galicia hai carencias nese sentido. Estudar na ESCAC achegoume ao cinema europeo e enriqueceume moito. A nivel industrial, aínda que o tecido sexa moi pequeno en España, en Galicia está acontecendo algo a través do Novo Cinema Galego, pero tamén grazas aos festivais e ás axudas do Agadic, e ao recoñecemento dunha ollada galega propia a nivel internacional. Galicia agora mesmo está sendo unha canteira de directores e moitos técnicos e creadores do audiovisual que achegan algo auténtico e moi honesto á cinematografía mundial. Esas olladas a territorios e espazos onde o valor da realidade é moi forte. Nese sentido, os directores que estamos traballando en territorio galego facemos pezas que conteñen esa verdade. Ese é un valor que non debemos perder á vez que buscamos visibilidade e recoñecemento.

Está traballando nalgún novo proxecto?

Levo un ano e medio traballando nunha nova película o que pasa é que a compaxino con outras cousas. Non podo adicarlle todo o tempo que me gustaría. Agora mesmo, ademais de impartir clases, estou traballando como montadora nunha serie para Movistar e o canal Arte dirixida polo tamén galego Jorge Coira.

Comentarios