Diario de Pontevedra agasalla aos seus lectores cunha fotobiografía de Filgueira Valverde

O xornal entrega este sábado un traballo que repasa a vida do homenaxeado o Día das Letras Galegas facendo fincapé na súa relación con Pontevedra
Diario de Pontevedra y la fotobiografía de Filgueira Valverde
photo_camera Diario de Pontevedra y la fotobiografía de Filgueira Valverde

Filgueira e/é Pontevedra’ é o título da fotobiografía coa que Diario de Pontevedra agasalla este sábado aos seus lectores co gallo da celebración, o vindeiro domingo 17 de maio, do Día das Letras Galegas. O crítico e responsable do Arquivo do Diario de Pontevedra, licenciado en Historia da Arte, Ramón Rozas, é o autor dun traballo de 20 páxinas que, a través de case medio cento de imaxes dos fondos do xornal e do Museo Provincial, repasa a vida e a obra de Xosé Filgueira Valverde facendo especial fincapé na súa relación con Pontevedra. O suplemento entrégase este sábado de xeito gratuíto con cada exemplar do periódico.

Textos do presidente da Real Academia Galega (RAG), Xesús Alonso Montero; do presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares; do director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e do fillo do homenaxeado e presidente da Fundación Filgueira, Fernando Filgueira, introducen este traballo no que a maquetación e o deseño correu a cargo de Claudio Vera e a limpeza das imaxes, que nesta publicación se recuperan en máxima calidade, foi cousa de Alberto Carballo.

"Filgueira e Pontevedra. Filgueira é Pontevedra. Dúas frases que enguedellan a un home e o seu ámbito vital", explica Ramón Rozas a respecto do título escollido para a fotobiografía no prólogo da obra. "Poucas veces unha persoa se reflectiu tanto nunha cidade ata o punto de que en ocasións non está moi claro onde comeza un e onde remata a outra. (...) Ao longo destas páxinas faremos un percorrido por esa paisaxe vital, física e humana, sempre con Pontevedra como centro do compás".

O traballo de Rozas recupera imaxes, en moitos casos moi pouco coñecidas, do arquivo fotográfico do Museo de Pontevedra, dende o nacemento de Filgueira en 1906 ata 1963, e dende este último ano en adiante do arquivo do Diario.

Entre as imaxes máis curiosas do caderniño están a do recordatorio da súa primeira comuñón ou outra de cativo pousando nun cabalo de xoguete. Tamén se atopan instantáneas para a historia como a do seu carné do Seminario de Estudos Galegos ou un manuscrito dirixido a unha nai exhortándoa a empregar a lingua galega cos fillos. Fotografías familiares e en diversos actos públicos mestúranse nas páxinas deste traballo noutras nas que aparece xunto a persoeiros culturais de distintas épocas como Camilo José Cela, Gonzalo Torrente Ballester ou Isaac Díaz Pardo.

O traballo aparece dividido en cinco capítulos, que se corresponden con outras tantas etapas vitais de Filgueira Valverde: ‘Os primeiros anos’ (1906-1922), ‘A semente universitaria’ (1922-1928), ‘A volta a Pontevedra’ (1928-1959), ‘A alcaldía’ (1959-1968) e ‘A pegada cultural’ (1969-1996).

"O século XX, dende o seu inicio ata o seu fin, en Pontevedra vén marcado pola presenza nunha chea de ámbitos do ‘vello profesor’, dese sabio que naceu rodeado de sabios nunha Pontevedra fascinante, que amosou un pulo cultural e artístico sen comparación en Galicia".

Comentarios