Tres días na vida de Santi e Lucía

O cineasta de Simes Eloy Domínguez Serén debuta na ficción coa curtametraxe 'Rompente', que se estrea o 19 de marzo no Festival de Málaga ▶ A película, ambientada no Barbanza, está protagonizada por actores non profesionais
Fotograma de Rompente, de Eloy Domínguez Serén. ZEITUN FILMS
photo_camera Fotograma de Rompente, de Eloy Domínguez Serén. ZEITUN FILMS

"Na xénese deste proxecto hai unha compoñente biográfica moi forte", confesa Eloy Domínguez Serén (Simes, Meaño, 1985). Fala de Rompente, o seu debut na ficción, unha curtametraxe que se estrea o sábado 19 de marzo no Festival de Málaga. "Meu pai é de Simes e miña nai, de Armenteira. Tivéronme nunhas circunstancias moi semellantes ás dos protagonistas da película, aínda que no seu caso como emigrantes en Holanda e nos anos 80". Santi e Lucía, os protagonistas de Rompente, non chegan aos 20 anos, viven hoxe en día no Barbanza e teñen un bebé xuntos. 

"Cando o produtor Felipe Lage me propuxo facer a miña primeira película de ficción, tiven claro que ía ser sobre algún tema que eu coñecese realmente ben. Pensando en historias e personaxes cheguei a unha historia que me conmovía especialmente, a dos meus pais". O cineasta decidiu entón achegarse a esa realidade das parellas que enfrontan a paternidade apenas superada adolescencia, que segue existindo hoxe. "Son consciente de que o contexto é diferente dende moitas perspectivas, pero si que existen patróns que se repiten". 

Cando o produtor Felipe Lage me propuxo facer a miña primeira película de ficción, tiven claro que ía ser sobre algún tema que eu coñecese realmente ben. Pensando en historias e personaxes cheguei a unha historia que me conmovía especialmente, a dos meus pais

Producida por Zeitun Films, Rompente gravouse en diferentes localidades do Barbanza (A Coruña) en novembro de 2020. "Realizouse, como tantos outros proxectos, en condicións bastante complicadas. Tamén cadrou en pandemia a preprodución e a posprodución. Así que, por un lado, foi un proxecto especialmente dificultoso pero, por outro, sinto un especial agarimo por el e por toda a xente que participou, porque demostrou un compromiso absoluto", conta Domínguez Serén que, para a maioría dos personaxes do filme, contou con persoas sen experiencia previa na interpretación, "xente do Barbanza, sobre todo da zona de Cabo de Cruz".

Soraya Luaces e Sergio Baleirón nun fotograma de Rompente. ZEITUN FILMS
Soraya Luaces e Sergio Baleirón nun fotograma de Rompente. ZEITUN FILMS

O filme narra a historia de Santi e de Lucía, unha parella moi noviña, pais dun bebé de poucos meses. "Deciden ter a criatura e sacala adiante polos seus propios medios, sen poder contar coa axuda das respectivas familias", explica o cineasta. "Segundo avanza a película imos vendo como Santi ten un pai dependente que vive con eles na casa". A curta narra tres días na vida desta parella, centrándose no personaxe do rapaz.

VICENTE MOHEDANO. "Eu non fago unha distinción entre actores profesionais e non profesionais. O que intentei foi atopar as persoas axeitadas para cada personaxe. De feito, na película hai actores profesionais. O pai de Santi está interpretado por Vicente Mohedano, un actor fantástico que fixo un traballo magnífico", conta Domínguez Serén. "Pero tanto Felipe Lage coma min tiñamos claro que o que queriamos era atopar a persoa axeitada para cada rol".

 Eu non fago unha distinción entre actores profesionais e non profesionais. O que intentei foi atopar as persoas axeitadas para cada personaxe

Eloy Domínguez Serén durante a rodaxe de Rompente. NATI JUNCAL
Eloy Domínguez Serén durante a rodaxe de Rompente. NATI JUNCAL

No caso de Santi, o protagonista, era complicado que un intérprete profesional puidese enfrontar ese personaxe. "Porque queriamos que fose case unha homenaxe ao traballo dos bateeiros e iso precisaba dun coñecemento ao detalle do oficio". Sergio Baleirón, o rapaz que interpreta a Santi, é bateeiro na vida real. "Iso permitiunos facer un achegamento case documental ás súas xornadas de traballo. Aquí hai que dicir que o proceso de busca dilatouse uns seis meses nos que percorrín penso que todos os portos tanto do Barbanza como da Costa da Morte. E non houbo un proceso de casting, senón máis ben un proceso de coñecemento, de conversa e de encontro, antes de seleccionar finalmente a Sergio, que é de Rianxo".

HAMADA. No caso do personaxe de Lucía, a selección da rapaza que lle dá vida tamén saíu dun longo proceso no que Domínguez Serén percorreu centros de ensino mantendo encontros con estudantes a partir de proxeccións da súa película documental Hamada (2018), rodada con rapazada real dos campamentos saharauis. "Falei con mestres de Historia dos institutos da zona para presentarlle o filme ao alumnado, falarlle do conflito do Sahara e, ao tempo, do meu novo proxecto, que se rodaría precisamente aquí e para o que buscaba xente". Así apareceu Soraya Luaces, de Portosín. 

A maiores, o guión tamén xurdiu dun importante traballo de investigación desenvolvido polo cineasta a partir de encontros e conversas con parellas de mozos da zona que foran pais moi cedo. O realizador quixo achegarse á súa realidade dunha forma realista e respectuosa.

A fala característica desta zona resúltame fascinante. Era fundamental para min recollela. E foi moi fermoso ver como xente tan noviña segue usando esa variante. Iso tiña que estar

Co mesmo realismo e respecto se achegou á variedade dialectal da costa coruñesa, unha cuestión da que se sente especialmente orgulloso. "Era fundamental para min, que son do Salnés, pero agora mesmo estou vivindo precisamente no Barbanza, en Palmeira. A fala característica desta zona resúltame fascinante. Tiña que estar no filme. Neste sentido tamén era importante contar con xente de aquí. Non é só o seseo e a gheada, é a forma de conxugar os verbos, o vocabulario... Todo iso tiña que estar. E foi moi fermoso ver como xente tan noviña como Soraya e Sergio usan esa fala". 

Domínguez Serén está feliz coa súa primeira experiencia na ficción. "Foi fantástica. Moi enriquecedora". Repetirá. "O proxecto para a miña primeira longametraxe de ficción xa existe".