Dignas herdeiras de José Suárez

Aroa Pérez, Cecilia González, Evelyn Freiría e Daniela González gañan o concurso fotográfico 'Pegadas do mar e da terra'
'Alimentando na ribeira', de Aroa Pérez. DP
photo_camera 'Alimentando na ribeira', de Aroa Pérez. DP

Nunha pantalla instalada no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra poden verse dende hoxe as fotografías gañadoras do certame Pegadas do mar e da terra, que a institución convocou aproveitando a gran exposición de José Suárez que acolle ata o 18 de abril. Tratábase dun concurso dirixido a mozas e mozos de ESO e Bacharelato ao que debían enviarse imaxes inspiradas no traballo de Suárez. As gañadoras foron Aroa Pérez, do IES Indalecio Pérez Tizón (Tui), pola imaxe titulada Alimentando na ribeira; Cecilia González, do IES Sanxenxo, por Redes viuvas; Evelyn Freiría, do CPI Progreso (Catoira), por A estreita relación entre as persoas e os animais, e Daniela González, do mesmo instituto, por Presente atemporal.

Segundo informa o Museo, no certame participaron 80 estudantes procedentes de 14 centros galegos: trece da provincia de Pontevedra (Catoira, Marín, Cangas, Soutomaior, Sanxenxo, Vilaboa, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Bueu, Vigo e Tui) e un de Lugo.

O xurado estivo composto por técnicos dos departamentos de Educación, Comunicación e Arquivo gráfico do Museo. Eles foron os que decidiron, "debido a alta participación rexistrada na categoría destinada a estudantes de ESO e a calidade das imaxes presentadas", entregar un galardón a maiores dos que estaban previstos nas bases (que eran tres).

ENTREGA. Ademais de poder ver as imaxes gañadoras na pantalla do Edificio Castelao, tamén se compartirán na páxina web do museo (www.museo.depo.gal). A institución ten previsto entregar os galardóns, que consisten en cámaras fotográficas Canon IXUS 185 e Fuji Intax Mini 11, o sábado 17 de abril nun acto no que participará o director do Museo, Xosé Manuel Rey.

"Hai que lembrar que este certame fotográfico xurdiu como unha actividade complementaria á mostra José Suárez 1902-1974, un creador que inmortalizou coa súa cámara o traballo das galegas e galegos e as súas pegadas no mar e na terra", explica o Museo. "Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas no concurso debían ser en branco e negro e xirar arredor a unha desas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais, etc.". 

Comentarios