Dios Ke Te Crew salda unha débeda co festival Urbana de Monte Porreiro

O evento, que se celebra na contorna do miradoiro do barrio, inclúe concertos de Ladilla Rusa, Son da Rúa e Marc Seguí ata o 30 de xullo
Actuación de Dios Ke Te Crew este mércores en Monte Porreiro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Actuación de Dios Ke Te Crew este mércores en Monte Porreiro. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A música en directo da programación de verán do Concello de Pontevedra trasládase esta semana á contorna do Miradoiro de Monte Porreiro, onde se celebra a terceira edición do festival Urbana, unha das propostas culturais nacidas na pospandemia que máis pegada está tendo entre o público. Os encargados de abrir a serie de concertos foron Dios Ke Te Crew. O grupo de Ordes, toda unha referencia do hip hop galego, saldou este mércores unha débeda co festival pontevedrés, onde xa tiña que ter actuado o ano pasado e finalmente caeu do cartel.

Desta volta chegaron a Pontevedra nun momento especialmente doce: coa súa última referencia acabada de saír, un dos traballos de hip hop galego máis importantes deste ano, o EP En que ano estamos!?, e co éxito recente que tiveron as súas dúas colaboracións con Boyanka Kostova (o dúo de trap de Cibrán García e Chicho González, que estivo precisamente no Urbana do ano pasado), O.G. e Ázido Úriko.

Sokram, Mou, Jamas e DJ Murdock compoñen actualmente Dios Ke Te Crew, un colectivo nacido en 2003 a partir da unión doutros dous grupos de rap galegos: 5Talegos e Ghamberros. En 2006 publicaron o seu primeiro álbum, Xénese, e, cinco anos máis tarde, ficharon polo selo de hip hop máis importante da escena estatal, Boa Music, para lanzar o seu segundo disco, Humanose

Na primeira edición dos Premios Martín Códax da Música Galega (2014) foron recoñecidos co galardón ao mellor grupo de hip hop e músicas urbanas. Auténtica escola da cultura do rap galego, varios dos seus integrantes e exintegrantes teñen sacado traballos en solitario. É o caso de Sokram (que con Chuvia ácida volveu conseguir un Martín Códax) ou García MC (que formou parte activa do grupo ata 2016).

Tras o concerto deste mércores de Dios Ke Te Crew, Urbana continúa este xoves co dúo catalán de electropop Ladilla Rusa (que repite tras estar tamén na edición de 2021) e este venres, co grupo de rap de Ponteareas Son da Rúa. Remata o sábado 30 de xullo co artista pop mallorquino Marc Seguí

Comentarios