Directoras e produtoras reflexionan en Pontevedra sobre corresponsabilidade

Paula Cons, Jaione Camborda, Gael Herrera e Adriana P. Villanueva participan no encontro organizado pola Deputación Provincial, dentro da Escola de Igualdade María Vinyals
Jaione Camborda, Paula Cons, Uxía Caride (Agapi), Gael Herrera e Adriana P. Villanueva (de esquerda a dereita), o martes, na Deputación. GONZALO GARCÍA
photo_camera Jaione Camborda, Paula Cons, Uxía Caride (Agapi), Gael Herrera e Adriana P. Villanueva (de esquerda a dereita), o martes, na Deputación. GONZALO GARCÍA

"As produtoras audiovisuais seguen a ter dificultade para asumir postos de responsabilidade porque as cargas familiares seguen recaendo nelas", puxo o martes de manifesto a deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso. "Esta situación leva a que moitas abandonen os seus cargos e, dese xeito, continúe a perpetuarse a desigualdade no sector". Alonso falou deste xeito nun encontro, organizado pola Deputación, en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), dentro da Escola de Igualdade María Vinyals. Levaba por título "Conciliación na produción audiovisual, o reto silenciado pendente". Participación nel as directoras Paula Cons, Jaione Camborda e Adriana P. Villanueva, ademais da produtora executiva Gal Herrera. "Síntome moitas veces como unha artista de circo: levo á miña nena a todos os lugares", dixo esta última, en palabras facilitadas pola Deputación.

As participantes no encontro apelaron á corresponsabilidade e fixeron un chamamento para esixir máis reflexións e a creación dunha comisión de xestión para solucionar a problemática da conciliación. "Non son as mulleres quen deben dar as respostas sobre a conciliación, senón que debería existir unha comisión de xestión que permita debater sobre as mellores solucións", dixo a realizadora Paula Cons.

Cerdita

Durante o coloquio púxose como exemplo a recente experiencia na rodaxe do filme Cerdita, "na que se ofreceu un servizo de atención ás crianzas para favorecer a conciliación", lembrou a Deputación. "A conciliación non debe recaer só nas mulleres, senón que a sociedade tamén debe ser corresponsable", dixo Jaione Camborda. Pola súa banda, Adriana P. Villanueva concluíu afirmando que "a conciliación real non existe porque é un problema non só do patriarcado senón tamén do sistema capitalista".

A conciliación real non existe porque é un problema non só do patriarcado senón tamén do sistema capitalista"

A Deputación e Agapi tamén colaboran co roteiro "Elas, produtoras executivas. Unha iniciativa para o apoderamento feminino", que percorrerá centros de ensino secundario da provincia. Esta actividade pode solicitarse a través da sede electrónica da Deputación.

Comentarios