martes. 20.10.2020 |
El tiempo
martes. 20.10.2020
El tiempo

Do Inktober ao Tintoubro

O ilustrador pontevedrés Víctor Rivas apúntase ao reto internacional de compartir unha obra cada día do mes de outubro cunha serie centrada no rural galego, "cunha estética retro e bastante retranca"

O Inktober é unha proposta que, segundo explica a Wikipedia, naceu en 2009 da man do ilustrador Jake Parker. Aquel ano, o debuxante norteamericano púxose un reto a si mesmo: compartir cos seus seguidores, cada día do mes de outubro, un debuxo a tinta feito a man. A iniciativa foi medrando e hoxe milleiros de autores de todo o mundo apúntanse ao reto do Inktober (inktober.com). Víctor Rivas (Pontevedra, 1965) participa este ano por primeira vez. "En realidade, a idea foi da miña muller. Foi ela a que me suxeriu que me apuntase". E niso está. Comparte cada día, a través da súa conta de Facebook, unha obra que debuxa a man. Faino coa etiqueta orixinal do reto #inktober, pero tamén galeguizándoa, #tintoubro.

"Eu levo case 20 anos traballando en dixital, así que apenas teño orixinais, con algunha excepción", explica sobre o reto que supón para el sumarse ao Inktober. "A característica principal desta proposta é que tes traballar a man e facer debuxos rápidos. Despois, séguense criterios que se fan través de internet, unha especie de suxestión de temas e conceptos, pero como a min me apetecía ir un pouco por libre, decidinme por recrear un ambiente que me gusta especialmente, o do rural galego". O autor coñece ben este ambiente: está afincado en Trabazo (Cerdedo-Cotobade). Alí ten o estudio dende o que traballa para todo o mundo.

Moitas veces, hai público que non quere o traballo do ilustrador, quere unha parte da súa alma. E considera que iso só está nun orixinal. A min cústame moito entendelo

"O que fixen foi tratar de achegarme a este ambiente con bastante retranca. Todo dende un punto de vista positivo, con alegría". Unha referencia evidente é o álbum Cousas da vida, de Castelao. "De feito, uso un estilo moi similar, unha liña clara, sen o raiado que adoito a facer. Por exemplo, en Escarlatina ou Esmeraldina [personaxes que debuxou para libros de Ledicia Costas]. Este é un traballo moi sintético, onde a liña pura domina". A maiores outórgalle "unha estética retro", dos anos 40 ou 50, porque é unha época da que di que gusta especialmente. "Da mesma maneira, para outros traballos tirei da época vitoriana ou eduardiana, dun rollo steampunk, esa recreación futurista que se fai a partir da estética do século XIX, ou dieselpunk, que vén a ser o mesmo pero a partir dos anos 40". O resultado, segundo explica Rivas, é un debuxo que resulta directo. "Eu diría que este estilo é máis adulto. E, ao ser tan sintético, a comunicación acádase rápido. É como escribir con poucas palabras".

PORCALLÁN. Víctor Rivas explica que el non traballa con ilustracións orixinais porque lle gusta a corrección á que ten acceso co ordenador. "Aínda que traballe en dixital, eu fágoo todo a man. A única diferenza que hai é que me facilita moito a corrección. Así que o meu reto foi ese, volver ao formato físico", confesa. "Porque ademais son un pouco porcallán debuxando: paso a man por enriba da tinta, tiro con todo, ensucio moito... No dixital, todos eses problemas desaparecen".

Este estilo de liña clara, sen o raiado que adoito a facer, eu diría que é máis adulto. E, ao ser tan sintético, resulta directo. É como escribir con poucas palabras

Sen embargo, recoñece que o público valora en maior medida unha ilustración orixinal que o traballo impreso. De feito, houbo quen xa se interesou polos seus primeiros debuxos do Inktober nada máis compartilos nas redes. "Sempre digo que a min hai que arrancarme os orixinais das mans, porque eu non traballo para vender estes debuxos, senón para editalos. Para min o que se imprime é o traballo do que estou orgulloso. De feito, cando fago debuxos soltos para min non me gusta ensinalos porque simplemente son unha base de traballo. Son bocetos en libretas e nada máis", conta.

Non comparte ese fetichismo pola ilustración orixinal. "Moitas veces, hai público que non quere o traballo do ilustrador, quere unha parte da súa alma. E considera que iso só está nun orixinal. A min cústame moito entendelo. Coñezo a milleiros de ilustradores que son francamente bos e, cando lle merco un libro e teño posibilidade, poucas veces lle pido que mo asinen. Porque a min o que me interesa son os debuxos que xa están incluídos no propio libro. Son fan do traballo impreso, rematado. Non necesito ver as tripas. Non me parece que iso teña nada especial".

Pero unha vez confirmado o interese por estes novos debuxos, Rivas valora recompilalos. "Non tiña pensado vendelos, pero como a xente comezou a preguntarme, pode ser que si", recoñece. "En principio, eu o que tiña pensado era, se sacaba o reto adiante, publicar un libriño con todos. Quizais imprimir unhas series limitadas ou quizais editar un pequeno volume a través dun crowdfunding ou dun selo. Xa veremos".

O proxecto ‘Ladrones de sonrisas’
Víctor Rivas é o autor das ilustracións de varios libros que saíron á venda este ano. O máis importante, un que asina xunto á súa muller, a autora Esther Vázquez. Titúlase Ladrones de sonrisas, está á venda en Amazon (www. amazon.es) e é froito dun traballo en común que se prolongou ao longo de seis anos. "É un proxecto moi persoal que está feito con moito agarimo. Estamos moi orgullosos del". Ladrones de sonrisas, ambientada en Pontedotrol, conta as aventuras dun grupo de amigos (Coti, Xaquín, Ulla e Sindo) que forman o Club da Babucha.

A maiores, o ilustrador pontevedrés é o autor das imaxes de Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas, que saíu publicado en galego con Xerais e en castelán con Santillana, e de Mi querido extraterrestre, de Lea Vélez, editado por Destino.

Do Inktober ao Tintoubro
Comentarios