Do Novo Cinema Galego a Steve McQueen

Traballos de investigación no audiovisual de Alba González, Ester García, Iván Villarmea e José Manuel López reciben os premios María Luz Morales en Pontevedra

DAVID PAZO DA DEPUTACION: entrega dos IV Premios María Luz Morales do Audiovisual., martes, 29 sept · 19:00–19:30
photo_camera Foto de familia, con todos os premiados, no acto do martes no Pazo Provincial. DAVID FREIRE

Pontevedra acolleu este martes a entrega da cuarta edición dos Premios María Luz Morales, da Academia Galega do Audiovisual. "O principal propósito destes galardóns é o de fomentar a investigación do audiovisual cunha perspectiva tanto galega como universal, favorecendo a aparición de novos paradigmas, análises creativas e puntos de vista innovadores dende os que achegarse ao noso patrimonio", explicou a presidenta da Academia, Ana Míguez.

María Villanueva púxolle música ao acto presentado por David Amor

Os recoñecementos recaeron este ano, na modalidade de videoensaio sobre o audiovisual galego, en Alba Gallego por O vídeo esquecido, "unha reflexión sobre o vídeo caseiro gravado en Galicia dende os 90 ata hoxe". Na de videoensaio sobre audiovisual internacional, en Ester García por Le temps (ne) detrouit (pas) tout, "unha proposta de ordenación da historia do cinema comparando e dividindo grupos de cineastas cuxa interpretación do paso do tempo é antagónica". Na de ensaio escrito sobre audiovisual galego, en Iván Villarmea (en nome de quen recolleu o premio María Julia Concepción Álvarez) por Leña aos ollos! A paisaxe forestal no Novo Cinema Galego, "centrado nas árbores e forestas como protagonistas recorrentes no Novo Cinema Galego". E na modalidade de ensaio escrito sobre audiovisual internacional, en José Manuel López por Lixar a túa alma: Shame, de Steve McQueen, "que detalla a historia dun home perdido, extravagante, que fuxe da dor en Nova York, a cidade do exceso". 

O Pazo da Deputación Provincial acolleu o acto de entrega de galardóns, que foi presentado polo actor e monologuista David Amor e que contou coa actuación de María Villanueva, "que rendeu homenaxe ao traballo e á memoria de María Luz Morales, cunha produción realizada expresamente para este evento e inspirada no final da película Cinema Paradiso", explicou a Deputación de Pontevedra, patrocinadora dos galardóns (dotados con 1.200 euros, trofeo conmemorativo e a publicación dos ensaios na web academiagalegadoaudiovisual.gal) xunto ás outras tres deputacións galegas. O xurado do certame estivo composto por Teresa Vilariño, María Soliña Barreiro e Belén Regueira.

Comentarios