Alicia Padín: "Do que se trata é de manter vivo a Valle-Inclán"

Presidenta de Amigos de Valle-Inclán e Amigos del Románico, é Doutora en Historia da arte e xestora do patrimonio, dirixe asociacións e encárgase de documentar Desmontando Galicia (TVG) 
Alicia Padín CVilanova de Arousa, 1986). DANIEL FERNÁNDEZ GARCÍA
photo_camera Alicia Padín Vilanova de Arousa, 1986). DANIEL FERNÁNDEZ GARCÍA

Ser presidenta da Asociación de Amigos de Valle-Inclán é algo así como ser presidenta do seu club de fans?

Algo así (ri). Non houbo outro coma el? Non, non o houbo. É o inventor do esperpento. De estar vivo agora mesmo sacaríalle moitísimo partido ao que estamos a vivir nesta sociedade pandémica.

Como chegou vostede á súa obra?

Pois como moitísima outra xente, no instituto, estudando literatura española. Pero, ao ser de Vilanova, obviamente tes a Valle-Inclán moito máis presente. Despois, á asociación cheguei como convidada a ofrecer algunha conferencia, xa hai anos, relacionada co meu, o patrimonio. Ao final empezas a coñecer máis o autor, todo ese universo tan creativo que ten e tan vinculado a Vilanova e á nosa historia, e déixaste enganchar.

Que é o que fan na asociación?

O que facemos é organizar actividades de defensa e divulgación da obra de Valle-Inclán. De feito, comigo xa no cargo organizamos un primeiro ciclo de conferencias que non se puido celebrar pola pandemia. Tiñamos tamén programada a posta en escena da obra de El Brujo, El alma de Valle-Inclán, que tamén se tivo que cancelar. Se este equipo directivo foi quen de organizar todo iso nun par de semanas, penso que poderemos deseñar unha programación moi interesante cando todo isto pase e volva unha certa normalidade. Contamos con que o Concello de Vilanova e a Xunta de Galicia nos apoien. Para nós é fundamental seguir colaborando coa administración pública. Do que se trata, en definitiva, é de manter vivo a Valle-Inclán.

Ademais de ser fan de Valle, tamén o é do Románico. Que ten o Románico que non ten o Gótico?

Para min é a arte por excelencia de Galicia. É unha arte que ás veces se identifica con figuras esquemáticas, pero que ten detrás algo apaixonante. O seu obxectivo era claro: divulgar a relixión entre un público iletrado, que non comprendía as escrituras. As súas imaxes eran clarificatorias para a xente, por iso se di que era a biblia dos indoctos. É sinxelo quedar fascinado pola arte gótica que é todo luminosidade, altura e espazos diáfanos, pero hai que entender o Románico no seu momento e que o seu obxectivo era impregnar aos fieis desa espiritualidade, dese carácter máis intimista, do misterio da fe.

Cando comeza a fixarse no Románico?

Na carreira de Historia da arte. Xa no Bacharelato, en realidade. Gustábanme moito o Medieval, os códices iluminados por exemplo. De aí pasei ao Románico e ao Gótico. Empecei a descubrir a arte que me rodeaba en Vilanova e a investigar sobre ela. E esa curiosidade por un edificio concreto levoume a outro e ese a outro e cando me decatei estaba dentro. E formaba parte dunha pequena secta adicta á arte e á arquitectura. E xa non tiña remedio. Teño que dicir que quen máis tirou de min nisto foi a miña directora de tese, Dolores Barral. Consulteille unha simple dúbida da miña igrexa parroquial e foi ela a que me enganchou á investigación.

Amigos del Románico, que vostede preside, é unha asociación a nivel estatal.

Si. É un reto importante estar aí. Somos algo máis de mil socios en todo o territorio. Coñecín a asociación alá por 2014, pareceume interesante o que facían e simplemente me asociei. Ata que un día me chamou o coordinador de Galicia-Portugal, Augusto Guedes, que fora o meu profesor de arte no instituto de Carril, o home polo que eu acabei facendo a carreira, outro mestre fundamental na miña vida, e me convidou a ir a unhas actividades que ían facer na Ribeira Sacra. A raíz desa excursión coñecín á xente; un ano e pico despois entrei na xunta directiva; de aí á vicepresidencia e agora á presidencia. Foi todo froito da casualidade.

Sabemos coidar do patrimonio en Galicia?

Hai vontade, pero faltan medios. Restaurar ou conservar unha igrexa require cartos. É imposible facelo sen eles. E moitas veces ese diñeiro non se ten. Por iso hai asociacións ou veciños que van xuntando cartos pouco a pouco para poder restaurar a súa igrexa. Por outro lado está a Igrexa como ente, que podía coidar mellor do seu patrimonio, pero non o fai. Cantos casos hai xa de parroquias que quedan sen culto ou só abren para enterros e bautizos? Esas edificacións acaban sufrindo un deterioro terrible. Cartos para todo non hai. E sempre hai algo máis urxente. Imaxina que agora mesmo se destinasen dous millóns de euros para restaurar unha igrexa rural onde sexa. Non se entendería. A cultura debería ser parte esencial da sociedade pero, cando non chega para todo, é a primeira que se resente.

Cal é o seu exemplo de Románico favorito?

Uf, non podo escoller! Eu téñolle moitísimo agarimo á igrexa da miña parroquia, Santa María de Caleiro, a primeira pola que me interesei. Despois, a de Sobrán (Vilagarcía), que é unha auténtica xoia románica e quizais non está tan valorada como debería.

Un dos espazos favoritos dos turistas para fotografarse en Pontevedra é o da escultura de Valle-Inclán. Ten algún selfie con ela?

Coa de Pontevedra non. Para iso son moi vergonzosa. Dáme reparo. Pero si que teño un selfie cunha figura de Valle que hai na casa-museo de Vilanova. Un día de chuvia, que non había ninguén, aproveitei e fíxenme esa foto con él na súa casa natal.

A cultura debería ser parte esencial dunha sociedade pero, cando non chega para todo, é a primeira que se resente

Comentarios