Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

Domingo Villar: "Tras a morte de meu pai tiven que volver afacerme a desfrutar do meu oficio"

Domingo Villar. EP
Domingo Villar. EP

Vigo volve ser o escenario no que o detective Leo Caldas ten que resolver o misterio da desaparición de Mónica Andrade. Domingo Villar, que acadou o recoñecemento internacional coas novelas negras de 'Ollos de auga' e 'A praia dos afogados', lanza 'O último barco', un libro que homenaxea os traballos artesanais da Escola de Artes e Oficios

LEO CALDAS tivo uns anos de descanso. Domingo Villar (Vigo, 1971) cociñou a historia do detective Leo Caldas sen présas, facendo e desfacendo como lle ensinaron os luthiers. Hoxe chega ás librerías O último barco, unha novela na que a intriga dialoga coa paternidade, o tempo e a soidade.

A súa infancia estruturábase en vendimia, floración, poda e purga. En que momento está agora?

Na vendimia. Despois de sementar e cultivar a vide, digamos que xa estaba madura para colleitala e puidemos facer unha vendimia un pouco a destempo.

O último barco é unha novela con moita decantación.

O oficio literario ten pouco que ver con lóstregos. É máis de reflexión e dúbidas. Esta novela levou máis tempo do previsto, pero gocei da viaxe.

A satisfación do escritor está na escritura ou en que o lean?

Un escribe para que o lean, pero a min o que máis me gusta é andar o camiño, apartarse do urxente e centrarse no importante.

Un bo amigo escritor di que para poder facer o seu oficio ten que meterse nunha cova. É un traballo pouco compatible coa vida social?

Son escritor a tempo parcial, tamén son pai de familia. Pero si que é un oficio singular, pasamos de ermitaños a exhibicionistas. Non é que saiamos nós á luz, máis ben apúntannos coas linternas. Espérase que aparezamos cun lóstrego de creatividade e unha frase xenial de xeito improvisado, cando o noso oficio é o contrario á improvisación.

Vostede ten varios fans de moita idade desexosos de que publique.

Iso si que me mete presión. Eu séntome escribir e non me decato do tempo que transcorre. Nas ausencias das persoas é cando me decato do tempo que pasou.

Leva anos buscando outras orellas que o escoiten.

A musicalidade ten moito que dicir. Quedei sen orellas coa morte de meu pai no 2013, pero houbo quen colleu o relevo. Léolle a miña nai, irmás, fillos... Pero quedei orfo de pai e de primeiro ouvinte. Quedei turbado e iso  condicionou o prazo da escritura.

Coa morte do seu pai cambiaron os seus ritmos de traballo?

Perdendo o fío do traballo, perdín tamen o fío da historia. Estaba nun lugar de emocións dende o que me resultaba complicado escribir. Pasei un tempo de loito e tiven que volver afacerme a desfrutar do meu oficio.

A novela tamén fala diso.

Fala de orfos e de pais e nais, das relacións tan complexas e intensas que se producen na familia.

E da soidade, como algo positivo e negativo á vez.

Hai un esmoleiro na novela que fala da soidade no medio da cidade, que non só é triste, tamén degradante. Se es un anacoreta e vives nunha cova, a soidade acaba por ser a situación normal.

O paso do tempo está presente ao longo de toda a historia. O tempo cura ou podrece?

Teño dúbidas. Hai ocasións nas que se deixan as cousas e se arranxan soas, noutras non sucede iso. Tendo deixar as cousas para máis adiante e, en moitas ocasións, atópome con que en vez de arranxadas, están podres.

O último barco é algo concreto e tamén unha metáfora que se manifesta de moitas formas.

É o que colleu a protagonista, Mónica Andrade, que desapareceu despois de subir nel. Tamén son as últimas oportunidades, como a de Leo Caldas na súa nova aventura, que non sabe se será ese o último barco ou se lle quedaran outros nos que botarse ao mar.

Tiña claro que a idea de aproveitar as cousas estaría tan presente?

Hai cousas premeditadas, pero a literatura toma o mando. Navego cunha brúxula, non cun mapa enormemente detallado de cara onde teño que ir.

Son 150 capítulos que comezan cunha definición dunha palabra. A primeira é niño, a derradeira é dúbida. Sintentizan ben a historia?

Si. O niño das aves e das familias, que acubilla as relacións humanas, e tamén o lugar no que habitan os monstros. As dúbidas que acompañan ao autor durante a escritura e ás personaxes, que pechan a historia sabendo que o caso se resolveu pero cun espazo para a incertidume.

Como escritor, cal foi o seu primeiro barco?

Un dos primeiros foi El membrillo del desierto, unha aventura fantástica de alimentos no deserto que se enchían de areas. Sempre me lembro de min escribindo. Fun un rapaz fantasioso.

"Escribir esixe un ensimesmamento como o dos traballos delicados que se fan coas mans"

MÓNICA ANDRADE, protagonista de O último barco, é profesora da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Domingo Villar quixo facer unha homenaxe a todos os traballos lentos, delicados e manuais.

A escritura tamén é artesanía?

O traballo dun escritor é moi parecido ao dun artesán. Necesita paciencia, cariño e ás veces tirar todo cando non vale. Se unha madeira para un violín está mal escollida, por moito que teñas a caixa feita, non hai máis remedio que tirala. A escritura esixe o ensimesmamento do traballo delicado que se fai coas mans.

Nun mundo dixital e acelerado, vostede escolle falar do que se fai de xeito pausado.

Todo se escribe tan rápido e con tan poucas palabras que parece que non queda tempo para pensar nas cousas importantes. Ler é encontrar momentos de paz no medio do balbordo.

Vostede foi aos talleres empaparse dos ritmos dos artesás.

Estiven con Ramón Casal e Miguel Vázquez moitas horas de conversa para aprender o seu idioma artístico e prescribíronme moitas lecturas.

E tamén se coaron como personaxes do libro.

Gústame mesturar a realidade coa ficción. Estou contento de chegar ao final do camiño e contar con eles, como mestres e tamén como amigos.

Domingo Villar: "Tras a morte de meu pai tiven que volver afacerme...